Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia o abandono do polígono de Ourol no que a Deputación non fixo nin o desmonte das parcelas

Os populares recordan que a propia Deputación declarou deserto o procedemento convocado para o alleamento, mediante poxa, destas parcelas de solo industrial no Concello de Ourol ao non recibirse ofertas para concorrer a este procedemento, seguramente pola falta de adecuación dos terreos

Lugo, 15 de abril de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular comprobaron o estado de abandono no que se atopa o polígono industrial de Ourol no que o goberno provincial “nin sequera realizou o desmonte das parcelas”.

Os deputados populares Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro visitaron esta zona industrial acompañados do voceiro popular na localidade, José Hermida, ademais de outros membros do PP de Ourol. “Vai forma máis curiosa teñen PSOE e BNG de apostar polo asentamento industrial na provincia”, sinalaron.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que no polígono hai dúas parcelas. Unha delas conta cunha nave abandonada, “seguramente froito dos nulos avances para que chegaran outras empresas a este polígono”, sinalou, ao que engade “imaxinamos que marcharían a outra localización na que houbera máis empresas para gañar en competitividade”.

A segunda das parcelas, cunha extensión de 14.330,00 m2 “non está nin dividida nin con desmonte feito”. Trátase dunha parcela repleta de árbores e maleza, ademais de rochas de gran tamaño. “Non está nin adaptada, o normal é que ninguén se interesase por ela nesas condicións”, indicou, engadindo que “aquí temos un novo exemplo de que PSOE e BNG son o peor inimigo da creación de emprego e asentamento de empresas na provincia”.

Ameijide ve neste polígono “outro exemplo máis da nefasta política industrial” de José Tomé, do PSOE e do BNG. “Ao longo da provincia temos numerosos exemplos”, lamentou, como o polígono de Castroverde, no que a falta de impulso á venda de parcelas provocou que sexan solares que se empregan como acopio de material de obra e para que medre a maleza, ou como o polígono de A Fonsagrada, no que desde que se anunciou a súa construción en 2009 nada se fixo e a parcela segue completamente chea de vexetación.

Desde o Grupo Provincial Popular recordan que o sistema de venda das parcelas aprobado pola Deputación foi mediante poxa, á que ninguén concorreu. Desde xeito, e á vista da acta da reunión da mesa de valoración celebrada o de 15 febreiro 2022 e o informe emitido pola Sección de Patrimonio de 18 de febreiro de 2022, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou o 11 de marzo de 2022 “declara deserto o procedemento convocado para o alleamento, mediante poxa, das parcelas de solo industrial, propiedade da Deputación Provincial de Lugo, no Polígono Industrial ‘O Pousadoiro’, no Concello de Ourol ao non recibirse ofertas para concorrer a este procedemento”.

Pese a isto, se hai algún interesado en adquirir as parcelas ten que presentar un escrito na deputación solicitando a compra e o prezo das mesmas será o da poxa, aplicando as condicións de financiación de SUPLUSA (financiación ao interese legal, máximo 5 anos, pago mensual ou trimestral).

Exit mobile version