Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro censura “o absoluto desprezo” do BNG á Semana Santa

“As obrigas institucionais dos representantes políticos deben estar por riba dos seus prexuizos ideolóxicos”, afirma Mariña Gueimunde

Viveiro, 1 de abril de 2024. O PP de Viveiro amosa a súa indignación e lamenta a “descortesía e absoluto desprezo” de media parte do Goberno Municipal coa Semana Santa de Viveiro, ao non asistiren os concelleiros do BNG a ningún dos actos oficiais do Concello nunha das celebracións relixiosas máis antigas de Galicia.

A voceira do Partido máis votado nas eleccións municipais reproba a “desconsideración e desaire do Bloque Nacionalista Galego cun acontecemento relixioso e cultural que se ten convertido nun referente turístico internacional, no que se implica toda a cidadanía con moito esforzo e sacrificio para dar continuidade a unha tradición popular secular”. Neste senso, engade: “o Goberno Municipal de Viveiro ten tres membros do BNG que menosprezan este esforzo social, desentendéndose do seu papel institucional como representantes de todos os viveirenses e non só dos afiliados do seu partido”.

Mariña Gueimunde cree que “estamos ante un síntoma máis da situación de decadencia e degradación institucional pola que atravesa o Concello de Viveiro, cun goberno dividido, onde PSOE e BNG cada un vai ao seu, e falan sen pudor de concellerías dun partido ou doutro, desatendendo as urxencias do municipio que van moito máis aló dos seus intereses partidistas”. Así, suliña que “se cadra a Semana Santa e cousa só do PSOE, e aos prexuízos ideolóxicos do BNG impórtanlle pouco boicotear un dos acontecementos turísticos mais importantes do municipio cun indiscutible impacto económico e social, no que pola súa trascendencia, todos os membros dun goberno municipal deberían dar exemplo arrimando o hombro”, advirte.

A popular lémbralle así ao BNG que “Viveiro está a facer un esforzo importante pagando a súa dedicación exclusiva cando a sua formación non apareceu a ningún dos actos oficiais aos que nos convidaron dende o Concello. Quizais porque á tenencia da alcaldía interesáballe máis campar polo Concello posando para os medios xogando a ser alcaldesa por un día, mentras o pobo de Viveiro desfrutaba a Semana Maior coas súas familias e ofrecendo a súa mellor versión enmascarando así a mala imaxe, a nefasta xestión e o deterioro que está a sufrir a cidade por mor das súas políticas”.

Con todo, Mariña agradece á Xunta de Confrarías, á Xunta de Galicia, á Deputación de Lugo, ás forzas e corpos de Seguridade do Estado, a protección Civil, bombeiros, xornalistas, músicos e, por suposto, ao pobo de Viveiro a súa contribución e participación neste evento que “é un dos máis prestixiosos que temos”.

“FALTAS DE RESPECTO”

Para a popular tampouco pode pasar desapercibida “a falta de respecto” que supuxo non atender á subdelegada do Goberno ou aos conselleiros do Mar e de Cultura e Educación que participaron nos actos e departiron inquietudes, demandas e adquiriron compromisos para o Concello; ademais, “da visible fractura en dous gobernos que nin tan sequera traballan baixo o mesmo escudo, o escudo de Viveiro, do que nos sentimos francamente orgullosos”, conclúe.

Exit mobile version