“O equipo de goberno e o señor alcalde deben aprender dos erros cometidos para que non volva a ocorrer e poder restablecer a imaxe do Entroido de Foz que quedou danada polos sucesos acontecidos nesta última edición” reclama o voceiro do PP de Foz
O PP bota de menos un informe profesional dos técnicos e lamenta a negativa do alcalde a crear unha comisión de investigación sobre este asunto. “Desde logo que nos houbera gustado que esta conclusión chegara despois dun informe dos técnicos ou despois da valoración dunha comisión de investigación. Entendemos que é unha conclusión do propio alcalde que coincide, en parte, coa dedución que fixo no seu momento o Partido Popular e que facemos, agora, despois de observar a documentación que nos facilitou o equipo de goberno pero non queremos que isto se quede só aí” analiza o voceiro dos populares focenses, Javier Jorge Castiñeira.
Despois de analizar a documentación os populares cren que é necesario cambiar a ubicación do recinto e que haxa cambios na organización. “Efectivamente houbo un mal deseño dos accesos onde confluían tanto a entrada como a saída, a zona de fumadores e zona dos baños e iso provocou as aglomeracións que se produciron. Pero entendemos, tamén, que houbo outros fallos: un deles é a elección do lugar onde se instalou a carpa que era unha zona de humedal –o cal provocou a desconfianza da xente que estaba dentro á hora de usar as saídas de emerxencia- e as estradas que dan acceso a esa parcela son estreitas e foi onde se provocou a primeira parte de tapón que finalizou na aglomeración dentro do recinto; e outros dos erros foron as persoas encargadas de organizar o Entroido, que se demostrou que non están capacitadas para elo e que non foron capaces de garantir a seguridade das persoas que desfrutaban da festa”, considera Jorge Castiñeira.
“O equipo de goberno e o señor alcalde deben aprender dos erros cometidos para que non volvan a ocorrer e poder restablecer a imaxe do Entroido de Foz que quedou danada polos sucesos acontecidos nesta última edición” reclama o voceiro do PP de Foz.