Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP condena que o goberno de Trabada suba a contribución urbana nun 33% e impoña unha taxa para a extracción de madeira

O voceiro popular, José María Fernández, tilda a taxa pola extracción de madeira como “un imposto indirecto” que “non pagarán as empresas, senón que acabará repercutindo no propietario das parcelas”

Trabada, 2 de abril de 2024. O voceiro do PP de Trabada, José María Fernández, condena que “o equipo de goberno aprobase unha suba do 33% do imposto de bens inmobles (IBI) de natureza urbana. Actualmente os trabadenses estabamos a pagar un tipo impositivo do 0,4 e pasaremos a pagar un 0,6”. Iso quere dicir que un propietario que estaba a pagar 150 euros de contribución pola súa vivenda pasará a pagar 200 euros, 50 euros máis”.

O popular sinala que “esta medida dana os petos de tódolos veciños e veciñas” e considéraa “intolerable”, especialmente “nun momento no que subiron tódolos prezos”. É por iso polo que o Grupo Municipal Popular votou en contra deste incremento no pleno da pasada semana.

Fernández condenou “a aprobación dunha ordenanza fiscal reguladora da extracción da madeira no noso concello” porque “implica a implantación dun imposto indirecto aos veciños e veciñas”. O portavoz dos populares, que votaron en contra desta ordenanza, explica que “a taxa de 0,60 € por tonelada que teñen que depositar as empresa que saquen madeira, sairá do peto dos propietarios da madeira”. Isto suporá arredor de 180 euros por hectárea, aproximadamente, e unha recadación de 50.000 euros anuais para o Concello.

Os concelleiros do PP cren que “as pistas e carreteras teñen que estar en boas condicións”, pero cren que “con esta medida só se soben impostos e non se garante a súa conservación”. O portavoz chama ao “consenso entre as empresas madeireiras e as distintas forzas políticas”.

Os populares tamén votaron en contra da “dedicación exclusiva para o alcalde de 42.000 euros anuais” porque “non compartimos as súas explicacións” e “nos parece unha cifra moi elevada”.

ACTUALIZACIÓN PREZOS PISCINA

En relación á actualización da taxa polo uso da piscina, os populares apoiaron a subida do prezo porque “é preciso mantela e o prezo actual era máis baixo que o doutras instalacións similares en concellos da zona”.

Exit mobile version