Os mariñaos puideron levar o triunfo no treito final cun lanzamento ao traveseiro de Malaguti e un remate no segundo pau de Álex García
O encontro comezou con moita igualdade e os visitantes adiantáronse aos catro minutos cun tanto do xaponés Gensuke, que remataba de cabeza no segundo pau un saque de banda executado polo exburelista Deco. Co tanto, os mariñáns incrementaron o seu dominio diante o marco dun Manu Aguayo que completou un grandísimo partido e que repeleu todos os ataques do cadro laranxa na primeira metade ata o minuto 18. Nese intre chegou o tanto do empate, obra de Álex García. O manresano, nunha acción individual, marchábase de Ramón Vargas e batía ao meta da Plana cun disparo cruzado pegado ao pau.
Tras o descanso, o conxunto burelense engarrafou ao cadro castellonese e dispuxo de varias ocasións con lanzamentos desde a distancia e un de Malaguti que quitaba cun pé abaixo Manu Aguayo. Non atoparon o premio os de David Rial á súa insistencia e preto do ecuador do segundo tanto igualábanse de novo as forzas, aínda que ao Praias de Castellón xa lle custaba moito xerar perigo sobre a portería defendida por Kaluza.
Co tanteador igualado entrouse no último cuarto de partido, no que os locais volveron incrementar a presión sobre un rival que empezaba a conformarse co empate. Cando restaban cinco minutos e medio para o final, o Pescados Rubén Burela tivo nos pés de Malaguti a mellor ocasión da segunda metade. O benaventano remataba con potencia sobre a meta castellonense, pero o balón pegaba primeiro no traveseiro e posteriormente sobre a liña.
Os mariñáns buscaron o tanto da vitoria con Ismael como porteiro xogador nos dous últimos minutos e medio de partido e tiveron o segundo a medio minuto do final, cun balón ao segundo pau para Álex García. O catalán rematou como puido un esférico que se lle quedou un pouco atrás e Manu Aguayo chegaba xusto para evitar sobre a liña o gol.
A pesar do empate, os burelistas serán matematicamente equipo de play off este sábado se o Sala 5 Martorell cae derrotado na súa visita á pista do líder, o Wanapix Salga 10 Zaragoza. No momento de enviar esta crónica, os maños vencían por 3-0.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 1-1 Playas de Castellón
Pescados Rubén Burela FS (1): Kaluza; Lucho, Isma, Rikelme, Ismael -quinteto inicial-, Pitero, Charly, Alberto, Flethes, Malaguti, Quelle e Álex García.
Playas de Castellón (1): Manu Aguayo; Éric, Deco, Gensuke, Vargas -quinteto inicial-, Lorca, Noel, Pedro García, Cola, Alamikkotervo, Sergio, e Guancho.
Goles: 0-1, min. 4: Gensuke. 1-1, min. 18: Álex García.
Árbitros: Ander Garrido e Borja Reguera (Colexio Vasco). Amoestaron aos locais Isma e Rikelme, así como aos visitantes Guancho e Cola.
Incidencias: Encontro da 26ª xornada disputada no pavillón de Vista Alegre diante duns 600 espectadores.