Os mariñaos puideron levar o triunfo no treito final cun lanzamento ao traveseiro de Malaguti e un remate no segundo pau de Álex García
Burela, 6 de abril, 2024. O conxunto masculino do Pescados Rubén Burela non puido pasar do empate (1-1) na visita do pechacancelas da Segunda División, un Praias de Castellón que demostrou estar no seu mellor momento da tempada e que non se amedrentou en ningún momento en Vista Alegre. Aínda que os burelistas non estiveron excesivamente cómodos en varios tramos do partido, puideron facerse cos tres puntos nos minutos finais cun remate ao traveseiro de Malaguti e outra acción no segundo pau de Álex García.
O encontro comezou con moita igualdade e os visitantes adiantáronse aos catro minutos cun tanto do xaponés Gensuke, que remataba de cabeza no segundo pau un saque de banda executado polo exburelista Deco. Co tanto, os mariñáns incrementaron o seu dominio diante o marco dun Manu Aguayo que completou un grandísimo partido e que repeleu todos os ataques do cadro laranxa na primeira metade ata o minuto 18. Nese intre chegou o tanto do empate, obra de Álex García. O manresano, nunha acción individual, marchábase de Ramón Vargas e batía ao meta da Plana cun disparo cruzado pegado ao pau.
Tras o descanso, o conxunto burelense engarrafou ao cadro castellonese e dispuxo de varias ocasións con lanzamentos desde a distancia e un de Malaguti que quitaba cun pé abaixo Manu Aguayo. Non atoparon o premio os de David Rial á súa insistencia e preto do ecuador do segundo tanto igualábanse de novo as forzas, aínda que ao Praias de Castellón xa lle custaba moito xerar perigo sobre a portería defendida por Kaluza.
Co tanteador igualado entrouse no último cuarto de partido, no que os locais volveron incrementar a presión sobre un rival que empezaba a conformarse co empate. Cando restaban cinco minutos e medio para o final, o Pescados Rubén Burela tivo nos pés de Malaguti a mellor ocasión da segunda metade. O benaventano remataba con potencia sobre a meta castellonense, pero o balón pegaba primeiro no traveseiro e posteriormente sobre a liña.
Os mariñáns buscaron o tanto da vitoria con Ismael como porteiro xogador nos dous últimos minutos e medio de partido e tiveron o segundo a medio minuto do final, cun balón ao segundo pau para Álex García. O catalán rematou como puido un esférico que se lle quedou un pouco atrás e Manu Aguayo chegaba xusto para evitar sobre a liña o gol.
A pesar do empate, os burelistas serán matematicamente equipo de play off este sábado se o Sala 5 Martorell cae derrotado na súa visita á pista do líder, o Wanapix Salga 10 Zaragoza. No momento de enviar esta crónica, os maños vencían por 3-0.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 1-1 Playas de Castellón
Pescados Rubén Burela FS (1): Kaluza; Lucho, Isma, Rikelme, Ismael -quinteto inicial-, Pitero, Charly, Alberto, Flethes, Malaguti, Quelle e Álex García.
Playas de Castellón (1): Manu Aguayo; Éric, Deco, Gensuke, Vargas -quinteto inicial-, Lorca, Noel, Pedro García, Cola, Alamikkotervo, Sergio, e Guancho.
Goles: 0-1, min. 4: Gensuke. 1-1, min. 18: Álex García.
Árbitros: Ander Garrido e Borja Reguera (Colexio Vasco). Amoestaron aos locais Isma e Rikelme, así como aos visitantes Guancho e Cola.
Incidencias: Encontro da 26ª xornada disputada no pavillón de Vista Alegre diante duns 600 espectadores.