Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES de Foz pon en marcha unha plantación de café para coñecer mellor o produto

Foz, 19 de abril, 2024. O IES de Foz comezou a traballar no proxecto ‘Do cafeto á taza’ co que pretende cultivar café de maneira experimental en Galicia para que, ademais de servilo nunha taza, os alumnos tamén coñezan de preto o crecemento da planta. A iniciativa, coordinada polo centro mariñano, iníciase xunto ao IES Bañaderos Cipriano Acosta de Gran Canaria e o CEE Manuel López Navalón de Santiago de Compostela como colaboradores.

Os profesores do IES de Foz e coordinadores do proxecto, Marcos Santamaría e Xulio Ríos, viaxaron á illa de Gran Canaria xunto a representantes do CEE Manuel López Navalón para aprender a cultivar café e aprender sobre o desenvolvemento da planta. Tamén foron ao instituto canario os alumnos Fabio de Barros e André Gabriel Bello, de 1º de Servicios.

Durante a súa viaxe, visitaron plantacións de café e tiveron a ocasión de falar con enxeñeiros agrónomos que os instruíron sobre o cultivo e o proceso de tratamento da terra nos cafetos. Na mesma plantación, tostaron café de Agaete, a localidade á que se desprazaron.

Ademais, visitaron plantacións de plátanos, o IES Faro de Maspalomas, a bodega de sidra Valleseco, o parador Santa Cruz de Tejeda de Gran Canaria e o restaurante Casa Romántica de Agaete. O tipo de café que se vai plantar, o Geisha -usado durante o Campionato de Baristas de Foz deste ano 2024-, deberá soportar condicións climáticas que non son as típicas deste cultivo. Aínda así, preténdese que a produción sexa un éxito.

Exit mobile version