Como xa manifestou no pleno deste mércores, María Loureiro lembra que “o servizo de grúa municipal funcionou de forma excepcional durante a Semana Santa como consecuencia dunha situación extraordinaria”.
“Na reunión de seguridade previa á Semana Santa celebrada cos corpos e forzas de seguridade, por parte da Policía Nacional púxose de manifesto a necesidade de poder contar cos medios necesarios para liberar a Travesía da Mariña, tendo en conta que nos atopábamos nunha situación por alerta terrorista de nivel 4. De feito, neste sentido, indicouse que, se non podíamos desaloxar por completo a Travesía, a procesión non podería saír”, engade a alcaldesa.
A travesía vallouse o mércores pola mañá, para que fose quedando liberada ao longo de todo o día. Como aínda quedaban sete vehículos estacionados, houbo que retiralos coa grúa. Para isto, ao non contar con Policía Local, a Policía Nacional encargouse de levantar as actas para que foron asinadas pola alcaldesa, como superior autoridade da Policía Local.
Con respecto ao servizo de grúa municipal cómpre indicar, como xa se dixo, que todos os traballadores da empresa Aparcamentos A Mariña, por prescripción médica, non poden de forma habitual e continua utilizar o guindastre.
“Ante esta situación, intentouse buscar un condutor para o guindastre municipal, pero non se atopou. Consecuentemente, de maneira excepcional, só para o Xoves Santo e como un feito puntual, dous traballadores ofrecéronse para realizar esta labor, polo que aproveitamos para agradecer o seu esforzo nese momento puntual e xustificado, no que Viveiro triplicaba a súa poboación, e no que todos remaron nunha mesma dirección”, explica Loureiro.
En todo caso, por parte do concello continuarase buscando unha empresa para este servizo.