O conselleiro quixo poñer en valor xunto con Acisa a campaña do Bono Activa Comercio da Xunta, á que a día de hoxe hai preto de sesenta negocios locais adheridos, dos que a maioría son socios da asociación ribadense. O conselleiro animou a clientes e comercios a aproveitar esta nova edición do Bono Comercio.
Acisa agradece a visita de Jose González e o apoio da Dirección Xeral de Comercio e da recentemente estreada Consellería de Comercio ao colectivo empresarial ribadense: “agradecemos que contaran con Acisa Ribadeo para presentar e poñer en valor esta nova edición do Bono Activa Comercio na Mariña e especialmente que a primeira visita, fora en Ribadeo e a un dos nosos asociados: Ohana. Cremos que isto di moito nun dia coma o de hoxe, no que conmemoramos os nosos 35 anos de vida. Esta vista reforza a Acisa como unha asociación referente para as administracións e por suposto, e máis importante, a Ribadeo como referente comercial en Galicia”.
E engaden: “expresámoslle tamén ao conselleiro o agradecemento polas axudas que periodicamente recibimos da Xunta así como o noso desexo de mantelas e no posible aumentalas nos vindeiros meses. As asociacións empresariais precisamos do apoio e da colaboración das administracións para seguir organizando actividades e facendo entrega de materiais gratuítos ás nosas asociadas e asociados”.