A actuación realizouse a través da Concellería de Medio Rural, dirixida polo edil Ramón Martínez, para corrixir os desperfectos provocados polos últimos temporais
Viveiro, 19 de abril de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro, a través da Concellería de Medio Rural, realizou labores de mantemento nas cunetas da estrada de Naseiro, para corrixir os desperfectos provocados polos últimos temporais.
O concelleiro de Medio Rural, Ramón Martínez, explica que “a actuación nas cunetas era prioritaria para que a auga non desborde en caso de novas crecidas do río Landro”.
“Estas crecidas causaron no pasado mes e medio que a estrada ficase practicamente intransitable”, sinala Martínez, “polo que foi necesario realizar unha limpeza exhaustiva”.
A pista, á que se accede dende a estrada LU-161, leva ao campo da festa, o lugar onde se celebra cada agosto a Romaría do Naseiro, tamén coñecida como a Romaxe do Bo Xantar.
A tenenta de alcaldesa de Viveiro, Míriam Bermúdez, destaca “a importancia que ten esta estrada para a celebración desta festa tan senlleira, que facía imperativo tela o antes posible nas mellores condicións”.