Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello presenta alegacións fronte ao parque eólico Barreiros I

O Concello sinala o incumprimento de normas técnicas e urbanísticas, ademais da afectación a actividades existentes na zona como a gandeira ou ao propio Camiño de Santiago

Barreiros, 17 de abril de 2024. O Concello de Barreiros vén de presentar as alegacións municipais ao parque eólico Barreiros I, no que se incumpren criterios técnicos e urbanísticos.

As alegacións municipais baseánse nestes incumprimentos manifestados no informe técnico municipal, pero tamén en cuestións de calado xeral como o fraccionamento continuo de proxectos que impiden unha avaliación do impacto ambiental real e adecuada as dimensións dos proxectos no seu conxunto.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, solicita a paralización da tramitación do parque eólico a espera dunha coordinación da planificación existente; xa que, asegura “a voracidade de empresas promotoras de proxectos eólicos supera a capacidade técnica e administrativa municipal e vémonos envoltos nun procedemento no que somos unha mínima parte con moi escasa capacidade de decisión”.

Advirten, igualmente, da necesidade de coordinación entre as Administracións e dunha planificación que reverta nos propios municipios, lonxe de proxectos puramente mercantís como os que se están a tramitar ante as administracións autonómica e estatal.

Neste caso, ademais, a colocación dos muíños tal e como se contempla no proxecto exposto incumpre mesmo as distancias a núcleos de poboación e contempla actuacións, como a apertura de viarios en zona de concentración parcelaria que “implicaría a división da propiedade inicialmente concentrada para dar sostén a actividade agraria e en base á cal se teñen dimensionado as explotacións”, afectando de xeito evidente a unha actividade agraria sostén da zona na que se insiren.

Outra das cuestións recollidas nas alegacións é a afectación ao Camiño de Santiago, que discorre polos núcleos afectados e que se verá claramente afectado polos impactos derivados da posible ubicación dos eólicos.

O Concello de Barreiros xa ten presentadas tamén alegacións ao parque eólico Barreiros III, no que se contempla a colocación de dous aeroxeradores na ladeira do Monte Comado.

Exit mobile version