O alcalde, Dani Vega, explica que “avanzan a bo ritmo as obras na rúa Manuela Barreiro. Durante todo este tempo detectamos moitos erros e tivemos que tomar decisións, modificar para mellorar. As farolas non podían quedar situadas nun sitio onde estorban e tivemos que colocalas ben, tanto contra a rotonda de Vilaselán, no inicio da rúa Manuela Barreiro, como tamén na zona máis estreita dese vial, nese canellón onde as farolas interrompen moito o tráfico e situámolas na parcela da Escola da Idiomas, co permiso da Xunta. Seguramente que aí vamos ter que adoptar medidas a curto prazo, pero de momento temos que concluír o proxecto tal e como está porque temos unha subvención da Deputación e debemos cinguirnos ao proxecto actual”.
O rexedor municipal engade que esta obra “supera os 215.000 euros e agora imos concretala así, pero a curto prazo estamos xestionando para adoptar medidas significativas e que melloren toda a rúa Manuela Barreiro. O que si puidemos facer, porque isto non quedaba moi ben, foi a separativa de fecais e pluviais; evidentemente iso é moi importante. Redáctase a memoria valorada para describir as obras que se pretenden realizar por parte do Concello con fondos propios, cun orzamento superior ao 15.000 euros, co fin de obter unha mellora das infraestruturas locais, tendo en conta que dita actuación vai servir para mellorar o servizo de saneamento municipal, no que temos que facer moito investimento nos próximos anos, tratando de executar unha parte do mesmo cunha rede separativa de fecais e de pluviais, que neste caso comunica a Avenida de América co Camiño da Granxa, pasando por dúas rúas que forman parte do grupo Francisco Iglesias, no casco urbano”.
Vega indica que “o obxectivo é separar as fecais das pluviais porque realmente é importante que non emitamos todas as augas pluviais á depuradora porque iso ten consecuencias moi negativas”.
O alcalde destaca: “estamos mellorando esta zona, toda a rúa Manuela Barreiro, cunhas obras para as que incluso tivemos que falar cos propietarios e explicarlles todo o que con anterioridade se lles negou e que nosoutros entendemos que son propostas moi sensatas e que debemos concretar, pero previo a esa decisión ten que haber unha xestión para conseguir máis orzamento para mellorar toda a rúa Manuela Barreiro, sobre todo ese canellón. Debemos ter o diñeiro para empezar esas melloras, pero de momento estamos coas obras a bo ritmo e xa fixemos algo moi importante, que é adoptar medidas para que se separen esas fecais das pluviais, o que mellora toda a nosa rede de saneamento”.