Foz, 23 de abril de 2024. O Concello de Foz investiu máis de 57.900 euros na mellora de camiños nas parroquias de Cordido e Cangas, obras executadas con cargo a fondos da Deputación de Lugo pertencentes ao Plan Único 2023.
En Cordido, por un importe de máis de 18.500 euros, renovouse o asfalto do vial que une o Barral coa Fabega, cun dobre tratamento superficial, e aglomerouse o camiño que conecta a Fonte do Sixto coa estrada provincial LU-P-6303.
O alcalde, Fran Cajoto, explica: “renovamos o firme de dous camiños que se atopaban en mal estado e que dan servizo a varias vivendas. Ademais a fonte do Sixto é frecuentada por moitos veciños que se achegan todos os días para coller auga”.
Dentro do plan de mellora de camiños do Concello de Foz para o ano 2024 está proxectado o aglomerado en quente e sinalización do vial que une Ferradás coas Moas, cun orzamento de 14.700 euros a cargo do Plan de Cooperación dos Concellos da Deputación de Lugo.
En Cangas por un importe de 39.400 euros renovouse con aglomerado en quente o firme no camiño de Liñares e tamén en varios viais en Ribela. “A fonte de Ribela é un elemento patrimonial a protexer no que xa actuamos na anterior lexislatura, pero o seu acceso estaba en mal estado. A mellora dos viais non só incluíu a mellora do firme senón tamén da sinalización vertical e horizontal, co obxecto de facer os camiños máis cómodos e seguros. Queda pendente o recrecido dalgunhas tapas de arquetas, que se está a realizar estes días”, indica o alcalde.
O Concello de Foz ten proxectado, cun orzamento de 22.100 euros con cargo a fondos do Agader 2024-2025, a mellora do firme e sinalización de 430 metros de camiño en Vilamor, no vial que une a estrada a Ferreira con Laxoi.