O alcalde, Fran Cajoto, explica: “fixemos unha mesa sindical na que se trataron os distintos puntos incluídos no regulamento: recuperación de horas non traballadas, flexibilidade horaria diaria en aqueles servizos que o permitan ou os distintos métodos de fichaxe en función do posto de traballo. Unha reunión moi produtiva que teño que agradecer aos sindicatos e ao comité de empresa e da que saíu o texto definitivo que se leva a pleno”.
O rexedor municipal engade que é “un sistema de fichaxe que desenvolve a empresa MHP Servicios de Control SL, xa contratada, e que non só inclúe o control horario senón tamén a xestión dos días de vacacións, permisos ou ausencias do posto de traballo por distintos motivos. O sistema permitirá a fichaxe a través de tres soportes físicos situados en distintos edificios municipais, a través do ordenador do posto de traballo ou cunha aplicación no propio teléfono móbil”.
Fran Cajoto destaca que “a xestión telemática das vacacións, permisos e outras incidencias vai a facilitar o traballo dos coordinadores de cada un dos servizos municipais. Recibimos un concello do século XIX, con ordenadores de máis de 10 anos nun momento no que a informática é imprescindible; investimos en medios electrónicos, tamén na fichaxe como indica a lei, para entrar no século XXI”.
Respecto ás críticas vertidas polo Partido Popular, o alcalde afirma descoñecer “a que está xogando o señor Castiñeira, voceiro nestes momentos do PP local. Está cruzando a liña do moralmente correcto. Non nos vamos desculpar por cubrir as baixas de persoal que se produzan. O que si me parece incrible é que unha persoa que mantivo unha biblioteca completamente esquecida -sen bibliotecaria-, que non dispuxo durante anos de interventor municipal, que prometeu unha RPT ás portas das eleccións do 2019, pero que non foi capaz de implantar, fale así e desprece o traballo dos empregados públicos, que debemos facilitar e poñer en valor. Falar de maquinitas, de percepcións extrasensoriais e volver ao insulto é de patio de colexio. Un Concello é algo moito máis serio”.