Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela crea un espazo de participación cidadá na web municipal

Actualmente atópanse dispoñibles unha enquisa sobre paisaxismo en Burela e outra sobre actividades culturais e lúdicas dirixidas á mocidade, nas que os veciños e veciñas poden dar a súa opinión

Burela, 15 de abril de 2024. O Concello de Burela crea un espazo de participación cidadá na web municipal, onde o Goberno local fará enquisas para coñecer a opinión da veciñanza sobre diferentes cuestións.

Actualmente atópanse dispoñibles unha enquisa sobre paisaxismo en Burela e outra sobre actividades culturais e lúdicas dirixidas á mocidade, nas que os veciños e veciñas poden aportar suxerencias sobre estes temas e sinalar as súas inquedanzas.

Sobre a cuestión do paisaxismo, a alcaldesa Carmela López afirma que “para transformar Burela é preciso proxectar espazos desde o prisma do paisaxismo urbano, esa arte de recuperar a beleza da natureza”.

“É por iso que estamos a traballar cunha paisaxista, e para continuar coa participación cidadá, temos este novo formulario para coñecer as opinións dos nosos veciños e veciñas”, engade a rexedora.

“Dende a área de mocidade propoñemos a consulta pública dirixida á mocidade para coñecer as súas inquedanzas, as súas preferencias e o seu punto de vista sobre a oferta lúdica da que dispoñen en Burela”, explica pola súa banda o concelleiro Mario Pillado.

“Pensamos que nos vai dar unha información de moito valor sobre a xente moza”, engade o edil. “Nesta enquisa sobre actividades culturais e lúdicas dirixidas á mocidade tamén fixo a súa aportación o Grupo de Participación Adolescente, como non podia ser doutra maneira”, conclúe.

Pode accederse á enquisa sobre paisaxismo en Burela no enderezo electrónico https://burela.org/gl/participacion-cidada-consulta-publica-sobre-paisaxismo

Por outra banda, pódese acceder á outra enquisa dispoñible , sobre actividades culturais e lúdicas dirixidas á mocidade do municipio, no enderezo electrónico https://burela.org/gl/participacion-cidada-consulta-publica-a-mocidade

Exit mobile version