Os proxectos son ‘Burela alumea – O espello do Faro’ e ‘Ondas limpas – Programa de sensibilización e acción ambiental na contorna da Marosa’
Burela, 12 de abril de 2024. O Concello de Burela celebra a aprobación dos dous proxectos presentados ao programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) na convocatoria correspondente a este ano.
O FEMPA é xestionado a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), neste caso, do GALP A Mariña-Ortegal.
O Concello de Burela recibirá uns 125.000 euros de fondos europeos para os dous proxectos, de conservación do patrimonio pesqueiro e sensibilización ambiental.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, asegura que “a aprobación destes proxectos é unha moi boa nova”. “Estas axudas benefician non só ao sector do mar en Burela, senón tamén á mocidade, ó tecido asociativo, ó deporte e a toda a veciñanza en xeral, que son tamén protagonistas das iniciativas que presentamos”, afirma a rexedora.
O primeiro dos proxectos que se levarán a cabo é ‘Burela alumea – O espello do Faro’, creado en torno ao patrimonio material pesqueiro e a súa conservación e difusión.
Este proxecto xira arredor do molde do Faro de Burela que foi empregado para a reparación deste tras os desperfectos que sufriu co temporal do ano 2014. A reparación do molde, e a realización dunha obra artística na estrutura, farán que este “funcione como espello en terra do Faro no mar”, explica a alcaldesa.
A iniciativa está enfocada en particular a promover a participación das mozas e mozos de Burela, que exercerán como “detectives e difusores do patrimonio pesqueiro da vila a través de obradoiros de radio e fotografía”, sinala López.
O segundo proxecto aprobado denomínase ‘Ondas limpas – Programa de sensibilización e acción ambiental na contorna da Marosa’. Céntrase na concienciación comunitaria arredor do coidado do medio ambiente.
Consta de distintos eixos de acción: recollidas de lixo plástico nos areais, realización dunha obra artística con materiais de refugallo nun local no complexo deportivo municipal da Marosa, e realización de traballos técnicos para a erradicación da uña de gato no areal.
Este proxecto, ademais, “ten como obxectivo reforzar a presenza e a práctica do surf entre a veciñanza, poñendo o foco nos deportes no mar como xeradores de actividade económica e benestar social”, destaca López.