Site icon Crónica3.com A Mariña

O colectivo “Memoria da Mariña” organiza este domingo o acto conmemorativo ‘Paseo polo Mondoñedo republicano’

Mondoñedo, 13 de abril de 2024. Este domingo, 14 de abril de 2024, coincidindo co 93º aniversario da proclamación da II República, o colectivo “Memoria da Mariña” organiza en Mondoñedo un acto conmemorativo denominado ‘Paseo polo Mondoñedo republicano’.

A actividade consiste na realización dun roteiro guiado que comezará ás 12:00h na Praza de San Xoán (a carón da fonte co relevo de Manuel Leiras Pulpeiro) e que continuará polas rúas Leiras Pulpeiro e José Febrero (casas natais, residencial e mortuoria de Leiras).

A seguir pasaremos pola Fonte Vella, onde se lembrará as figuras de J. Sánchez Gacio, presidente da Deputación de Lugo e gobernador civil da Coruña nos anos da II República. Tamén se lembrará a obra de Álvaro Cunqueiro e a súa produción xornalística e literaria entre 1930 e 1936 diante da casa natal, así como os vencellos dos mozos galeguistas desa época co propio Cunqueiro, o músico Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’, xunto con outros prohomes da cultura e política mindoniense como A. Iglesia Alvariño, Xosé Díaz Jácome e Bernardino Vidarte, entre outros.

A seguinte parada terá lugar na praza da catedral, cabo do edificio do vello consistorio desde cuxo balcón se pregoou a boa nova da chegada da República en 1931 por parte do entón alcalde, Cándido Carreiras Domenech.

Tamén se farán paradas diante do Casino para lembrar o histórico mitín de Castelao de 1933 e da casa natal de Cándido Carreiras, ilustre republicano.

Rematará o roteiro no Cemiterio Vello, a carón das sepulturas do propio Carreiras e de Manuel Leiras Pulpeiro, o médico, poeta e gran referente dos republicanos mindonienses.

A xornada rematará cun xantar de confraternidade na Casa da Penela, de Vilamor. Quen desexe asistir debe facer a reserva previamente nos teléfonos 683 148 757 e 608 987 474

Exit mobile version