Así se recolle na moción presentada e aprobada este martes no pleno provincial da Deputación de Lugo, onde o deputado provincial e responsable de Rural Daniel García puxo de manifesto que as compensacións económicas actuais “son totalmente insuficientes”.
O deputado explicou que nin as axudas para reposición dos animais sacrificados nin a compensación por lucro cesante teñen o importe suficientes para empezar de novo, tendo en conta que que “as granxas tardan unha media de dous anos en volver funcionar a pleno rendemento” e advertiu que este tipo de situacións “poden acabar co traballo e cos aforros de toda unha vida investida nunha granxa, desalentando o relevo xeneracional e incrementando o abandono da actividade agrogandeira”.
A moción, aprobada malia a oposición do Partido Popular , tamén insta á Xunta de Galiza a retomar o saneamento gandeiro anual no caso do gando vacún, como método preventivo polo incremento das amezas por infección de enfermidades derivadas do cambio climático.
Inmobilización de gando
No decurso do debate, Daniel García tamén reclamou a Xunta de Galicia “destinar os medios humanos suficientes para a revacinación contra a lingua azul e a febre hemorráxica epizoótica, que se está a demorar causando graves repercusións para as gandeirías, que teñen os animais inmobilizados sen posiblidade de seren vendidos.
No relativo ás compensacións ás ganderías afectadas por un baleiro sanitario por tuberculose bovina, as dúas liñas complementarias establecidas pola Xunta de Galiza con fondos propios
– para compensar o lucro cesante e
– para a reposición dos animais sacrificados.
Estas axudas compensatorias manifestáronse totalmente insuficientes.
O cálculo dun baleirado sanitario de toda unha granxa supón un prexuízo económico importante, estimándose unhas perdas de 800 euros por cada animal sacrificado.
No caso dunha granxa media, as perdas oscilan a redor dos 30.000 euros, e as axudas compensatorias “non cobren a perda total do baleirado”, tendo en conta que a eliminación de todo o gando da explotación é de obrigado cumprimento.
Ademais as persoas titulares das granxas deben de ocuparse elas soas de repoñer animais con cualificación sanitaria apta, voltando a adaptar os animais novos ao manexo da granxa, e logo agardar unha media de 2 anos para ter a granxa a pleno rendemento.
Entre o que se paga por animal sacrificado, o que paga o matadoiro pola carne e a axuda de 5.000 euros por trimestre por lucro cesante, os gandeiros reciben entre 1.000 e 1.200 euros por cabeza de gando, que non é suficiente para empezar de novo.
As axudas que a Xunta de Galicia contempla non cobren o global de perdas dos gandeiros:
-dunha banda, non alcanzan en modo algún para a reposición dos animais sacrificados, que se atopan en idade de produción madura, aos prezos de mercado e;
-doutra banda, tampouco toman en consideración as cantidades que os gandeiros deixan de percibir polo dano inflixido.
En conclusión, as indemnizacións non acadan o custe real que ten a reposición ou reparación dos danos polos prexuízos que ocasiona un baleirado sanitario. Esvaécense así traballo e aforros dunha vida investida nunha explotación de vacún de carne de alto rendemento
Este tipo de situacións, contribúe a incrementar o abandono da actividade agrogandeira e desalenta o relevo xeracional, co agravante que moitas das zonas gandeiras de vacún son especialmente sensibles, pola depresión demográfica á que se ven sometidas como os concellos do interior e da montaña de Lugo.
Dende o BNG entendemos que unha xestión correcta debe abranguer unha análise máis pormenorizada da problemática e buscar solucións adaptadas á realidade do noso agro:
– É indispensable a correcta e fideligna realización das enquisas epidemiolóxicas coas que se pretende determinar a orixe do foco e a súa posible extensión.
– Débese incidir na mellora e incremento do control sanitario da fauna silvestre de cada zona mediante a colaboración cos axentes medioambientais, cos cazadores e cos gandeiros na recollida de mostras para análises e a información transparente sobre os resultados.
– É fundamental a monitorización das granxas de risco mediante controis exhaustivos dos animais sacrificados de rutina nos matadoiros, que precisa do compromiso de colaboración dos servizos veterinarios da consellería de sanidade.
E por último e non menos importante, a Xunta de Galiza debe realizar unha continua e correcta información aos gandeiros de todos os protocolos sanitarios, para incentivalos a evitar incorporacións de gando de risco e recollendo cadáveres de reses de risco.