O deputado mariñao Daniel Castro anunciou hoxe xunto cos concelleiros do BNG , a proposta e as preguntas que formulará en sede parlamentaria
A Mariña, venres 19 abril 2024. Despois dos días de tensión e malestar vividos polas veciñas e veciñas de O Valadouro ao quedar o centro de saúde sen médicos a semana pasada, o BNG tal como anunciou no seu día, vén de presentar unha serie de iniciativas no Parlamento para recuperar os dous médicos que lle corresponden ao Valadouro. Daniel Castro redactou e presentou unha proposición non de lei e varias preguntas para a súa resposta oral e escrita.
Os nacionalistas instan á Xunta de Galicia a cubrir de xeito inmediato permanente e durante toda a quenda as dúas prazas de médico no centro de saúde.
Así mesmo instan ao Sergas e á Xunta a que se pronuncien sobre a situación que os concellos de O Valadouro e Alfoz levan vivindo varios anos coa ausencia do servizo de pediatría, suprimido polo PP e que daba cobertura aos dous concellos, e demandan a recuperación do mesmo.
Daniel Castro recalcou que “a nosa proposta é que se cubran permanentemente as dúas prazas de médico/a, que é o que lle corresponde ao Valadouro. Nosoutros non pasamos por menos, polo que o Partido Popular terá que pronunciarse no Parlamento ao respecto”
Política de desmantelamento da atención primaria co PP local de cómplice
Pola súa banda, o tenente alcalde Eduardo Chao manifestou que “a veciñanza mostrou o seu cabreo, porque esta situación é inaceptable, non pode ser que nos deriven a outros centros ou ao PAC de Burela, e no Valadouro chove sobre mollado, pois levamos anos sufrindo problemas en temas de sanidade, como foi a supresión do servizo de pediatría no seu día”.
Eduardo Chao referiuse tamén á incomprensible actitude do Partido Popular a nivel local “esta xente do PP en lugar de poñerse a solucionar o problema, pois son os seus na Xunta os que tenen a solución, dedícanse a faltarlle ao respecto á veciñanza e a colectivos coma a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña que leva máis dunha década loitando concello a concello frente aos recortes do PP” afirmou. E concluíu afirmando tamén que “o que é perigoso é a política de desmantelamento da atención primaria que levan eles a cabo. Esa sí que é unha politización fastidiada”