Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG levará ao parlamento a falta de médicos no Valadouro

Con esta e outras iniciativas, os nacionalistas seguirán traballando para conseguir os servizos sanitarios que lle corresponden ao Valadouro

O Valadouro, domingo 14 de abril 2024. A concentración convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña diante do Centro de Saúde do Valadouro en protesta pola falta de médicos foi masiva e foi un clamor en contra do abandono ao que o Partido Popular está sometendo ao rural galego e de xeito especial e acentuado ao Valadouro en materias tan sensibles como é neste caso a sanidade e atención primaria, que neste concello xa chove sobre mollado, pois levan unha década tamén loitando por recuperar o servizo de pediatria que compartían co concello veciño de Alfoz que o PP eliminou.

O Partido Popular marxina ao Valadouro

Neste sentido, o portavoz nacionalista no Valadouro, o tenente de alcaldesa Eduardo Chao manifestou ao remate da concentración o seu agradecemento á veciñanza pola participación nesta mobilización e tamén á Plataforma polo apoio. “Esta concentración vai marcar o inicio dunha loita na que temos que ir a por todas, porque en temas sanitarios non imos dar nin un só paso atrás. O PP machaca ao Valadouro, marxina ao Valadouro, e ante eso levaremos adiante iniciativas e accións para revertir esta situación porque O Valadouro tén que tér dous médicos e as nosas nenas e os nosos nenos tenen que dispoñer dun servizo de pediatría nas debidas condicións, como tiveron anteriormente” afirmou.

Anunciou tamén que nos vindeiros días levarán ao Parlamento a través do deputado Daniel Castro este grave problema, esixindo a cobertura inmediata das dúas prazas de médico que lle corresponden ao Valadouro. “Agardamos tamén que hoxe o PP tomara nota do sentir das veciñas e veciños porque á vista de todas e todos eles quedou claro que esta sigue a ser a Galicia que non funciona” concluíu.

Exit mobile version