Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG leva ao Parlamento Galego a crítica situación da sanidade pública na Fonsagrada

Os centros de saúde de Negueira de Muñiz e da Fonsagrada viven nestes momentos unha situación de caos debido a decisión da Xunta de Galiza de non cubrir vacantes” denunciou a deputada do BNG

A Fonsagrada, 15 de abril de 2024. O BNG a través da deputada no Parlamento Galego, Olalla Rodil, presentou unha serie de iniciativas para denunciar a situación sanitaria que se vive en Negueira de Muñiz e na Fonsagrada.

A Sanidade Pública nestes concellos da montaña é máis necesaria que nunca, debido ao avellentamento poboacional e a dificultade que supón para as persoas maiores o desprazamento autónomo, e a perda de calidade de vida que están a sufrir debido á falta de asistencia facultativa ordinaria en horario completo tal e como viñan tendo.

Olalla Rodil sinala “das cinco prazas que existen, unha está sen cubrir, concretamente a da persoa que se desprazaba dous días até Negueira para atender a veciñanza deste concello e outra persoa xubilouse sen ser substituída”, esta situación repercute directamente na situación do PAC pois supón unha merma na calidade asistencial de dous concellos de montaña e dunha zona xeográfica moi extensa na que as distancias se multiplican por razóns orográficas.

Cómpre lembrar que a sanidade pública, e concretamente a Atención Primaria, “está directamente relacionada coa esperanza e a calidade de vida da poboación, así mesmo, é un dereito fundamental da poboación o acceso a ela nas mellores condicións e, sobre todo, de maneira próxima” lembrou Rodil.

A deputada afirmou que “a Xunta de Galiza pretende reducir a atención no centro nun proceso de desmantelamento da sanidade pública”, e engadiu “a veciñanza ten que poder asistir ao seu médico todos os días”.

Exit mobile version