Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove propón a protección do espazo natural de Esteiro

Na mesma sesión, o PP modifica o orzamento só tres meses despois de aprobalo. Unha mostra máis da súa improvisación na xestión orzamentaria

Xove, 9 de abril de 2024. No pleno municipal que tivo lugar este luns, o BNG de Xove alzou a voz en favor dunha xestión máis transparente e respectuosa tanto co patrimonio económico como ambiental do municipio. A aprobación dunha nova modificación de crédito por máis de medio millón de euros, tan só tres meses despois da aprobación dos orzamentos anuais, lévaos a cuestionar a planificación do goberno local.

Reparación do mobiliario do parque municipal

Os nacionalistas presentaron tamén un rogo para a reparación e adecuación do mobiliario do parque municipal, un espazo que consideran vital para o disfrute dos máis pequenos do concello e que conta con xogos en mal estado.

Protección da duna de Esteiro

Ademais, realizaron unha serie de preguntas ao executivo local sobre as actuacións que levaron a cabo no areal de Esteiro e da que deron aviso varios particulares. Os nacionalistas mostráronse serios ante unha práctica xa común e repetitiva que consiste en meter maquinaria pesada no areal para a súa limpeza e do que tamén, ao facer estes traballos, estase sacando area da duna na entrada principal á praia. Neste sentido, “sabemos que estas accións son liñas de actuación ideolóxicas de cada goberno, mais tendo en conta que temos no noso concello un sistema dunar protexido, o lóxico sería actuar segundo os procedementos que establecen as diferentes leis e apostar por protexer e consolidar un elemento vivo e cambiante como son as dunas. Só hai que mirar a outros areais do país ou se se quer mirar máis lonxe, a países veciños como Portugal ou Francia” afirmou a voceira nacionalista Pilar Vázquez.

Falta de vontade e ideas nas xestións do areal

Os nacionalistas advirten de que é unha cuestión de vontade; todas as actuacións que se levan a cabo no areal saen adiante porque así o require o mantemento da bandeira azul. De feito, nesta modificación de crédito inclúese tamén unha partida – por se a subvención que solicitaron non chega a tempo- para a implantación dunha cadeira para persoas con mobilidade reducida que lles dea acceso ao areal. Nesta liña incide a voceira que “pese a ser o areal coas condicións máis adversas, inclúena en Esteiro por ser requisito da bandeira azul e omítena nas praias de Lago ou Portocelo que teñen unhas condicións máis óptimas tal e como llo propuxemos no pleno de agosto do ano pasado”.

Exit mobile version