“No canto de manter os logros dunha política de promoción turística reforzando unha oferta de calidade, de novo volven a promover eventos baseados na convicción de que, para que a xente nos visite, hai que facer boas enchentes. Nunha das fins de semana con máis afluencia, na que xa hai moita xente de visita, porque coñece o atractivo de Ribadeo en xeral e de Rinlo en particular, nun momento no que de seguro os restaurantes van poder servir moitos menús ou pratos á carta, xusto nese momento, o Concello encárgase de que se organice unha mexilloada. Estas políticas de promoción a través da oferta xenerosa dos nosos produtos poden ser contraproducentes si se deixan á improvisación. Non se pode andar argallando eventos dun día para outro. Ribadeo e, por suposto, Rinlo, teñen calidade e potencial turístico xa recoñecido grazas ao traballo constante e ben feito durante tanto tempo e non precisan destas propostas máis propias doutros tempos que do século XXI”.
“E tamén no contexto da Semana Santa temos que lamentar o uso indebido das redes sociais por parte do goberno municipal do PP. Tíñanos acostumados a solapar partido e goberno, pero nesta ocasión foise máis alá. Non acabamos de entender como quen tanto presume da súa formación no seminario puido esquecer tan axiña o “Dar a Deus o que é de Deus e a César o que é de César”. Tampouco acabamos de entender como quen xurou lealdade á Constitución poida esquecer tan axiña que vivimos nun estado aconfesional e nun Ribadeo aberto e diverso”.
“Precisamente o consenso para unha convivencia tolerante e aberta radica no feito de que as crenzas relixiosas forman parte do ámbito privado (por moitas manifestacións públicas que se poidan realizar de dito sentimento relixioso). Pero desde logo nunca poderán formar parte da información que emana das redes sociais do concello. Unha cousa é dar a coñecer os actos que se desenvolven en torno á celebración da Semana Santa e outra ben distinta é asumir como propio un discurso que resulta máis que comprensíbel no seo da propia Igrexa, pero non nun Concello. Non se poden mesturar de xeito tan ordinario os planos. Non se pode estar constantemente lanzando chiscadelas ao pasado. Unha vez máis, o alcalde volve mesturar allos con bugallos dándonos unha mostra da súa incompetencia ou quen sabe se ganas de encirrar”.