A eurodeputada Ana Miranda e a deputada no Parlamento e representante na comisión de pesca Rosana Pérez asistirán á concentración, xunto co deputado mariñao Daniel Castro e Daniel García, deputado provincial responsable da Área de Mar e Medio Rural
Ante a publicación do Real Decreto polo que se regula a producción de enerxía eléctrica en instalacións ubicadas no mar, o BNG amosa unha vez máis a súa postura en contra desta disposición que fai prevalecer os intereses da industria eólica mariña por enriba dos intereses do sector pesqueiro que ven ameazados os seus caladoiros coa instalación de eólicos enriba deles.
O BNG foi moi claro sempre ante estes ataques ao sector e xa no seu día amosou o seu apoio ao Manifesto de Burela, pedindo expresamente aos demáis grupos o seu apoio ao mesmo tanto no Parlamento de Galiza coma no Congreso dos Deputados.
Así mesmo o BNG, ao igual que as confrarías galegas e do Cantábrico Noroeste rexeita a instalación de eólicos na nosa costa porque os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña aquí non son compatibles cos usos existentes, nin coa escasa plataforma continental destas costas, que difire totalmente doutras zonas marítimas como o Mar do Norte ou o Mar Báltico.