Site icon Crónica3.com A Mariña

O 8 e 9 de maio Burela acollerá as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial de Expomar

As XXXI Xornadas Técnicas e o XXV Encontro Empresarial de Expomar celebraranse entre o mércores 8 e o xoves 9 de maio no porto de Burela

Burela, 29 de abril, 2024. A Fundación Expomar presenta unha nova edición das súas Xornadas Técnicas e Encontro Empresarial, que se celebrarán o 8 e 9 de maio no porto de Burela para abordar os novos retos e dificultades que afronta o sector pesqueiro.

O foro será como sempre aberto ao público no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela a partir das 16:30h tanto do mércores 8 como do xoves 9 de maio. Como xa é habitual nas últimas edicións, as xornadas tamén se poderán seguir en liña desde a web www.expomar.com.

As Xornadas Técnicas 2024 contarán coa participación do conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, que inaugurará o evento acompañado pola presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López; e pola secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime.

A primera xornada terá lugar o mércores 8 baixo o título “Xestión pesqueira”, estará especialmente dirixida aos profesionais do sector e abrirase coa ponencia “Principais retos de futuro para o sector pesqueiro español”, a cargo de Isabel Artime, secretaria xeral de pesca do MAPA.

A continuación celebrarase a habitual mesa de debate para tratar a xestión pesqueira desde diferentes ámbitos, coa participación de Mario Santos, xefe de unidade da Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA); Xulio Valeiras, coordinador do equipo investigador PESCASOST do Instituto Español de Oceanografía (IEO); e Daniel Voces, director xerente de Europeche.

A segunda xornada celebrarase na tarde do xoves 9 de maio baixo o título “Sostibilidade e saúde” para tratar temas de interese xeral para todos os públicos e contará coas intervencións de Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías e patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela; Rosaura Leis, catedrática de pediatría da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Fundación Dieta Atlántica; Juan Revenga, dietista-nutricionista, divulgador científico e coñecido polo seu blog ‘conlasmanosenlamesa’; e Antonio Nieto, xerente de Pesca España.

As dúas xornadas estarán este ano moderadas por senllos xornalistas que cobren a información do sector pesqueiro, como Xusto López Carril, da Radio Galega, e Anxo Rodríguez, director do programa ‘Vivir o Mar’ de Televisión de Galicia.

A clausura das Xornadas Técnicas 2024 será ao redor das 7 da tarde do xoves e correrá a cargo da presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López.

ENCONTRO EMPRESARIAL

Pola súa banda, o xoves 9 de maio pola mañá celebrarase a 25ª edición do Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reúne cada ano ás entidades máis representativas do sector pesqueiro a nivel nacional.

A reunión dos representantes da frota terá lugar nas instalacións de Armadores de Burela e ao finalizar o evento, como cada ano, faranse públicas as conclusións tomadas durante a reunión.

Exit mobile version