As entradas, cun desconto do 50% do seu prezo, poderán ser adquiridas no Claustro de San Francisco todos os venres agás o día 12 de abril
Viveiro, 3 de abril de 2024. O Concello de Viveiro informa de que, dende este venres 5 de abril, estarán dispoñibles as entradas do Resurrection Fest a prezo reducido para empadroados e empadroadas no municipio, mantendo o desconto do 50% do prezo.
“Como cada ano, todos aqueles veciños e veciñas que desexen asistir ao festival dispoñen desta vantaxe, produto do acordo entre o Concello e a entidade organizadora do festival, Bring The Noise”, explica a alcaldesa, María Loureiro. O evento celebrase no municipio dende os seus comezos en 2006.
O goberno municipal agradece deste xeito a colaboración da cidadanía ante as posibles incomodidades derivadas dun evento que atrae unha gran cantidade de público a Viveiro, que ten un papel fundamental na dinamización do sector comercial e hostaleiro da vila.
As entradas a prezo reducido poderanse adquirir no Claustro de San Francisco como en anos anteriores. A venda estará dispoñible todos os venres agás o venres día 12 de abril.
A iniciativa só inclúe abonos personais e intransferibles, aos que só poden acceder persoas que figuren no censo. Non se poderán ceder a terceiros nin se poderá mercar de máis dun abono por persoa.