Ribadeo, 11 de abril de 2024. Musicais, concertos, teatro, exposicións, Cantos de Taberna e as Letras no Campo son algunhas das propostas culturais de Ribadeo para o segundo trimestre do ano. A axenda foi presentada pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo.
A edil lembrou que “xa comezamos a axenda cultural do 2º trimestre disfrutando esta primeira fin de semana de abril da música e dos monólogos. E seguiremos disfrutando das audicións da EMMeD. Ao longo das diferentes semanas o alumnado e o público xeral pode asistir a interpretacións variadas, de corda, vento metal, acordeón, música tradicional, danza , piano, canto e guitarra…para rematar no mes de San Xoán co festival de fin de curso”.
Begoña Sanjurjo contou que “á música tradicional e á que dedica a Asociación Amigos da Gaita o seu festival infantil para as diferentes exhibicións do seu alumnado.
Contaremos tamén en maio cun musical que percorre os éxitos dos 80 e 90, e con Coco para os pícaros e pícaras. A parte audiovisual é especialmente importante noutra obra musical Unha noite na eira do trigo, que nos leva a recoñecer os sentimentos da emigración. Audiovisual e musical é tamén a proposta Seis, Lorca en Galicia, de Rafa Fernández, que homenaxea aos poemas escritos en galego por García Lorca”.
A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “Emilio Rúa ofrecerá un concerto a principios de xuño, a BMMR o seu tradicional do Día das Letras Galegas e no mes de xuño poderemos escoitar á Banda de Música do Tercio Norte da Armada. O protagonismo da música vai ter tamén no ciclo Domingueo en Ribadeo, dous por mes para animar os vermús dos domingos. E os cantos de taberna que serán o 18 de maio”.
O teatro tamén estará presenta na axenda cultural de Ribadeo para este trimestre: “en teatro afeccionado rematará neste trimestre o percorrido que o grupo de teatro A Adala, de Fazouro, leva facendo polas parroquias coa función Marina Club. Lembramos tamén que todos os luns, en Vilaselán e As Anzas reúnese a veciñanza nas sesións de música e teatro no Argadelo que dirixe Mano Panforreteiro. Mostra de teatro profesional teremos este mesmo domingo coa compañía madrileña La Escalera de Tijera e a súa proposta de teatro xestual, commedia dell’arte e música en vivo El Busclown, de Quevedo. Tanto esta peza teatral como a dedicada a Lorca, da que xa falei, forman parte do noso ciclo O Concello cos Coles con participación do alumnado doa centros de ensino de Ribadeo. Do mesmo xeito a tradición dos maios chegará tamén ás escolas da man de Tecedeira”.
E engadiu que “tamén podemos incluír neste apartado unha iniciativa nacida no Centro de Día A Concordia coa colaboración do profesorado e alumnado do ciclo de Infantil do CIFP Porta da Auga: Os anos que achegan. É unha actividade interxeracional que supón o vínculo guiado entre as persoas usuarias do centro de día e alumnado de infantil e primaria de Ribadeo”.
Begoña Sanjurjo referiuse tamén á presentación de libros: “temos que dicir que a partir de agora o sitio elixido para estas propostas vai ser a biblioteca municipal El Viejo Pancho. Comezamos este mesmo sábado coa obra do profesor Antonio Gregorio Montes, A temperie ribadense no século XXI (ata 2023), da man dunha editorial nova e ribadense, Eoditorial”.
A concelleira de Cultura contou que “no apartado de exposicións poderemos ver os traballos de pirogravado do noso veciño Antonio Martínez López na oficina de Turismo e comezaremos a celebrar o centenario da morte do Viejo Pancho cunha exposición preparada polo alumnado e profesorado do obradoiro de emprego e que achegará esta figura á veciñanza de todas as idades. Ademais de todo o exposto hai eventos que disporán dunha programación e dunha difusión propias como a Romaxe das Cruces, a celebración do Día do Orgullo ou Letras no Campo, a nosa feira do libro, que nesta edición desenvolverase entre o 24 e o 26 de maio”.
Sanjurjo agarda que “lles interesen as nosas propostas para o trimestre, seguro que hai aínda algunha sorpresa máis. Vémonos nos espazos da cultura”.