Site icon Crónica3.com A Mariña

Lionel Rexes presenta este domingo en Mondoñedo ‘A montaña do poeta’

Mondoñedo, 2 de abril, 2024. O domingo 7 de abril, ás 12 do mediodía, o escritor Lionel Rexes poñerá fin á etapa de presentacións da novela A montaña do poeta na Casa da Penela (Vilamor, Mondoñedo), pois en maio chegará ás librarías a súa nova obra, desta volta publicada por Edicións Embora, trátase de Nove lúas, gañadora do Premio de Novela Neira Vilas o pasado ano.

A montaña do poeta obtivo o premio de novela Lueiro Rey do Concello do Grove en 2021, e foi publicada por Xerais hai ano e medio.

Despois de ter sido presentada en diversas localidades, o autor alfocés pon fin á tempada de promoción desta obra, colofón que se celebrará nun estabelecemento emblemático para o mundo da cultura, o espazo turístico “Casa da Penela”, lugar onde o autor se inspirara para escribir a súa primeira novela, A raíña das velutinas.

O argumento d’A montaña do poeta mestura determinados episodios vivenciais de Noriega Varela, coñecido popularmente como “o poeta da montaña” cunha trama absolutamente actual en forma de thriller social.

Amais do propio autor, participarán no acto de presentación o profesor de lingua e literatura galegas Bernardo Penabade e o activista pola Memoria Histórica Xosé Luís Fernández Rivera.

Exit mobile version