Madrid, 24 de abril de 2024. José Manuel Balseiro tomou posesión hoxe, durante o Pleno, como senador do Reino de España. Substitúe nesta condición á actual conselleira do Medio Rural, María José Gómez que renunciou por incompatibilidade coa súa nova responsabilidade.
Balseiro naceu no Valadouro en 1962 e reside desde hai anos na localidade cervense de San Cibrao. Compaxina a función de senador coa súa condición de concelleiro do Grupo Municipal Popular no Concello de Cervo e de coordinador xeral e portavoz do PP na provincia de Lugo.
Coa súa elección como senador pola provincia de Lugo a comarca da Mariña recupera un asento na Cámara Alta das Cortes Xerais, órgano que ten a función constitucional de representación territorial e no que Partido Popular ten maioría absoluta.
O novo senador comprometeuse a defender os intereses dos veciños desta comarca e do conxunto da provincia de Lugo e facer unha tarefa de férreo control ao Goberno, sempre desde unha oposición honesta e comprometida.