A mostra é froito dun convenio de colaboración subscrito coa asociación Mar de San Ciprián que contempla a cesión durante un ano de diferentes pezas marítimas propiedade de Ángel Fernández e de Moncho Rivas, instaladas na parcela municipal, “que iremos convertendo pouco a pouco nun museo ao aire libre”
Cervo, 7 de abril de 2024. O Concello de Cervo vén de inaugurar este mediodía a mostra “Surcando Mares”, na finca anexa ao Museo do Mar, que é propiedade municipal.
A exposición nace froito dun convenio de colaboración coa asociación Mar de San Ciprián, para a posta en valor desta parcela, a través da cesión de diferentes pezas relacionadas co mundo marítimo (áncoras, hélices, maquinillas, haladores…), propiedade de Moncho Rivas e de Ángel Fernández, instaladas nestes terreos “que pouco a pouco iremos convertendo nun museo ao aire libre para desfrute de veciños e visitantes”, precisou a alcaldesa.
Durante o acto, que arrincou cun concerto da orquestra do Conservatorio de Viveiro, na Praza dos Campos, a rexedora apuntou que “é un día importante para Cervo, no que poñemos en valor esta finca municipal anexa ao museo do mar grazas a un convenio subscrito coa asociación Mar de San Ciprián, e quixo agradecer especialmente a súa xenerosidade a Moncho e Ángel, pola cesión destas pezas procedentes de diferentes pesqueiros que nos permitirán coñecer un pouquiño máis sobre o funcionamento dos barcos e abrir así unha nova ventá de San Ciprián ao mar, como homenaxe ao mundo do mar e ás súas xentes”.
Esta exposición –engadiu- tamén nos permite reflexionar sobre a riqueza asociativa que temos en Cervo, porque o tándem Concello e Mar de San Ciprián, neste caso é un exemplo de que o traballo en equipo sempre é un éxito.
A alcaldesa animou a veciños e visitantes a que se acheguen a dar un paseo por estes terreos e “desfrutar deste museo ao aire libre, sempre con civismo e reponsabilidade, porque é de todos os cerveses”.