Site icon Crónica3.com A Mariña

“Falando do telescopio en Santa Cruz, Ribadeo, en 2024”, por Antonio Gregorio Montes

Aló por setembro pasado (2023), na rede e en papel, publiquei un artigo titulado ‘En relación á casa da ría’. No semanario de Ribadeo, coincidiu con outro titulado ‘El gobierno de Ribadeo busca dos telescopios desaparecidos’, entre eles o da A.C. Xerfa, noticia que xa fora dada a coñecer con anterioridade en xornais. No meu artigo facía un resume da historia do telescopio da A.C. Xerfa e a súa relación coa Casa da ría, a instalación de difusión e interpretación do concello de Ribadeo no monte de Santa Cruz, convenio mediante.

Meses despois coido conveniente facer algunha anotación máis.

A raíz da difusión polo concello da nova da desaparición do telescopio da asociación cultural, e a falta de chave e acceso á Casa da ría e á cúpula astronómica da mesma, púxeme en contacto co concello para tentar esclarecer a situación. O caso é que a cousa foise retardando ata que axustei unha xuntanza co alcalde para o 24 de febreiro. Por enfermidade miña, esa xuntanza non puido ser, rematando a espera o sábado 9 de marzo, no que o alcalde, cun operario do concello, un fillo de Calvo Sotelo e eu, nos achegamos á Casa da ría. Visitamos primeiro o piso baixo, vendo os estragos acumulados nel. E logo, fomos á porta de acceso á parte superior, totalmente saparda da zona anterior. Tras constatar que estaba aparafusada ó marco como único peche, e non abrila a falta de aparellos o operario do concello, axustei que volvería eu e a abriría. Non foi tan doado: as dimensións e estado do parafuso fixeron que tivera que ir por máis ferramenta que a que inicialmente levaba, pero tras un bo tempo, o parafuso estaba fóra e puiden subir e tomar fotos e vídeo. Nese momento (25 de febreiro) a máis do estado da porta de acceso, un graffiti decoraba as escaleiras, a porta da cúpula estaba tumbada, os dous telescopios pequenos que alí había (cedidos para o seu uso alí despois de ser ganados en un concurso no que participaba a filla de Francisco Rivas) tiñan desaparecido, numerosas baldosas da terraza estafan fóra do seu sitio, de novo había árbores da altura dunha persoa polo medio, e o telescopio encastrado, o da A.C. Xerfa, estaba coa tapa do tubo caída, descuberto da cobertura que se lle puxera no seu momento para evitar que puidera chover sobre el, e desequilibrado. De todo elo informei ó alcalde, quen me comunicou que estaba previsto acometer diversas accións para volver ó seu as instalacións pero non me dixo nada máis sobre a desaparición por el difundida. Naquel momento tamén lle transmitín que, despois das novas e o artigo de setembro, consideraba que, sen présa, debía volver a tratar o tema de xeito público, o que estou a facer.

O certo é que, aínda ignorante da movida evidente que houbo en setembro, non quedei contento pero si máis tranquilo ó comprobar que o telescopio principal seguía alí en marzo. Volvín a cerrar a porta de acceso á terraza do mesmo xeito que estaba (a da cúpula non se pode cerrar, está esnaquizada), pero dando lubricante para poder operar mellor. Extremo que tamén lle comuniquei á autoridade pois non consideraba nin considero que sexa xeito de cerrar nin aporte algún de seguridade.

Así as cousas, e logo de falar cun coñecido, volvín a presentarme na Casa da ría este domingo 12 de maio, comprobando que, como se me comunicara, a porta de acceso á terraza estaba aberta. Supostamente mediante un bo golpe, o parafuso seguía chantado, pero a porta estaba esnaquizada nesa zona. A parte superior do edificio estaba tal como a deixei cando entrei a vez pasada e especifiquei máis arriba.

O conxunto da instalación no monte de Santa Cruz hoxe por hoxe é un completo desastre. Algo que podería estar rendindo cretos a Ribadeo está convertido en ruínas descoidadas, e cara ó verán, de non poñerse os medios para polo menos impedir o paso, só pode empeorar.

Exit mobile version