A área de Rural da institución provincial financiará tamén o acondicionamento dunha pista en Fontecova
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e o deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, achegáronse esta mañá ata a zona onde se está a desenvolver a actuación xunto á tenenta de alcaldesa Miriam Bermúdez e o concelleiro de Medio Rural do municipio Ramón Martínez.
Os traballos previstos consisten na extensión da rede de saneamento municipal mediante a instalación dunha tubaxe pola vía municipal que comunica as vivendas e dá acceso a varias parcelas agrícolas.
A rede, que se instalará a un metro de profundidade, rematará nunha estación de bombeo de augas residuais de nova construción executada en polietileno, que se conectará ao colector xeral que evacúa as augas ata a EDAR de Celeiro.
A tenenta de alcaldesa Miriam Bermúdez explicou que “a extensión da rede de saneamento prestará servizo a cinco vivendas, aumentado a calidade dos servizos para as persoas que viven aquí, e reducirá o impacto medioambiental na zona, xa que esta actuación tamén evitará o vertido de augas residuais directas ao medio, sen depurar”.
O deputado de Rural, Daniel García, sinalou que “a extensión dos sistemas de saneamento e abastecemento supoñen un grande esforzo económico para os concellos con amplas zonas rurais, polo que a colaboración entre administracións resulta fundamental”. Sostivo que “a mellora dos servizos é imprescindible para que as zonas rurais sigan mantendo a poboación e a actividade produtiva”.
Ademais desta actuación na rede de saneamento, a área de Rural da institución provincial financiará tamén o acondicionamento dunha pista en Fontecova.