Site icon Crónica3.com A Mariña

“Eu lin a carta de Pedro Sánchez”, por Fran Cajoto

Lin a carta de Pedro Sánchez completa. E lina, con moita atención, por varios motivos: porque Pedro Sánchez é o presidente do goberno e como tal merece esa consideración, porque formo parte -coma el- da gran familia do Partido Socialista e tamén por unha razón máis mundana, de humanidade, que traspasa a política pero tamén é intrínseca a ela. A carta é unha proba máis do tempo no que vivimos: tempo de difamacións, de desgaste persoal, de saúde mental. Sempre crin que unha persoa debe permanecer en política unicamente mentres conserve a ilusión: a ilusión por mellorar Foz no meu caso, por facer un país máis xusto, social e con futuro no caso do presidente. Lin a carta con atención e respéctoa profundamente. Ten que ser duro, moi duro, recibir todos os días ataques persoais. Pero é máis duro aínda asumir que os reciba aquel que non pode defenderse, aquel a quen queres. Estamos a falar dunha violencia instrumental, dunha guerra encuberta, de utilizar un refén da túa familia para facerche dano, de terrorismo político. Pódenme crer se lles digo que comprendo perfectamente a pregunta capital da misiva: compensa? Merece a pena? No máis fondo de cada persoa está a resposta a esta pregunta.

Sinto un gran desacougo polas reaccións vertidas aos medios. Simpleza, inhumanidade e falta de escrúpulos. Creo que todos merecemos, cando menos o beneficio da dúbida: tamén o presidente do goberno. Resúltame moi verosímil o cansazo mental e o cabreo persoal, a rabia, pola inxustiza, pola crueldade. Vimos sufrindo do PP o ataque ás institucións, a agresión á democracia e agora tamén o asalto persoal por un único motivo: a ambición desmesurada de poder. Non hai moderación cando se loita por liderar a extrema dereita. E na táctica de terra queimada vale todo.

Cando menos, respecto á persoa, a un cidadán chamado Pedro.

Exit mobile version