“Tecendo redes” é unha novela de intriga, que tamén esculca nas miserias da sociedade e nas vítimas dos abusos de poder, na dor do silencio e na culpa.
A autora, Irene Rega Jul, gañadora do Premio Illa Nova de Narrativa 2022 por “A malferida”, gaña esta vez o IV Premio de Novela Vilar Ponte 2022 con esta proposta, publicada na colección Literaria de Editorial Galaxia.
Nesta obra, as lectoras e lectores asistirán á historia de Verónica, unha muller que vén de recibir a oferta do traballo da súa vida, un traballo no que deberá compartir espazo coa persoa que arruinou a súa vida….
A protagonista, lonxe de renunciar ao seu soño profesional, decide aceptar a proposta cando de súpeto, todo se torce. Ao día seguinte de firmar o contrato e deixar as súas pertenzas no despacho que ía compartir con Bruno Agueiro, este aparece morto. A cidade érguese conmocionada coa nova do asasinato do catedrático e Verónica non tarde en se converter na principal sospeitosa. Sen dúbida tiña motivos para acabar coa súa existencia, pero non era a única.
Unha lectura trepidante que mestura os mellores mecanismos de misterio e acción.
Irene Rega Jul naceu en San Cibrao en xaneiro de 1996. Estudou o Grao de Educación Primaria na Unversidade de Santiago de Compostela. Desde os 16 anos comezou a participar en escolmas de verso e prosa, en Diversidad Literara e ACEN, gañando algúns concursos.
En xuño de 2022 gañou a sexta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 con O libro dos corazóns rotos (editada en Galaxia como A malferida). Segundo o xurado: «Cunha linguaxe coidada, pero moi directa consegue transmitir un fondo desacougo no tratamento dun tema tan delicado como o do acoso escolar. A autora arrisca no seu desenvolvemento e na denuncia social da sociedade contemporánea».