Será o vindeiro mércores, ás sete da tarde, no salón de actos do Hospital da Mariña
Burela, a 15 de abril de 2024. A Asociación Esperanza de loita e apoio contra o cancro organiza para o vindeiro mércores dezasete, en colaboración con Somos unidos por el cáncer, o bufete especializado en discapacidade Fidelitis, e o Hospital da Mariña, unha charla-coloquio que tratará dos dereitos laborais das personas con cancro. A charla será ás sete da tarde no salón de actos do Hospital da Mariña, e será impartida polo abogado Lorenzo Pérez Menéndez, presidente de Fidelitis e avogado especialista en dereitos no eido da seguridade social.
Fidelitis é un despacho de abogados con máis de quince anos de antigüidade, con sede en Madrid, especializados en asuntos vencellados cos dereitos sociais e laborais das persoas enfermas e tamén coa discapacidade, e co seu recoñecemento ou os posibles problemas laborais que poidan xurdir derivados da mesma.
Somos unidos por el cáncer, un colectivo formado na cidade de Lugo hai dez anos, tén como obxectivo axudar transversalmente ás persoas e familias afectadas pola enfermidade. Entre os seus logros máis importantes destaca a posta a disposición, na cidade de Lugo, dun piso para que enfermos e familiares que precisen tratamentos máis ou menos prolongados poidan aloxarse de xeito gratuito.
Dende Esperanza consideran que o tema central da charla é de suma importancia, xa non só para as persoas enfermas de cancro en idade laboral e as súas familias, senon para a poboación en xeral, xa que o cancro non escolle nin idades, nin situacións familiares e tampouco situacións laborais. Polo tanto animan a veciñanza burelá a acudir a esta charla-coloquio, impartida por Lorenzo Pérez, un dos primeiros avogados que hai máis de quince anos empezou a traballar no eido dos dereitos laborais e sociais das persoas enfermas ou con discapacidade.
Esperanza quere agradecer a Somos unidos por el cáncer, a Fidelitis e ao Hospital da Mariña a oportunidade de organizar un acto coma este, acto que agardamos que serva para clarificar aspectos vencellados cos dereitos sociais e laborais das persoas enfermas de cancro. Así damos un paso máis para loitar contra esta enfermidade e os seus efectos, ás veces devastadores.
ENTREGA DE DONATIVO A SOMOS UNIDOS POR EL CÁNCER
Aproveitando a charla-coloquio sobre os dereitos laborais e sociais das persoas enfermas de cancro, e en virtude do acordo adoptado recentemente pola asamblea xeral de socios de Esperanza, a asociación faralle entrega a Somos unidos por el cáncer, na persoa do seu presidente, José Manuel Vázquez, dunha aportación económica de 2.000 euros. Esperanza é consciente de que esta aportación é limitada pero confía que serva para que Somos continúe co seu traballo en favor das persoas enfermas de cancro e dos seus familiares.