A idea de crear este Certame, xorde por mor de que as tres empresas, atópanse realizando un proxecto para dar a coñecer a vida e obra do poeta gauchesco Jose Mª Alonso-Trelles e Jaren, coñecido como “El Viejo Pancho”, que este ano se cumpre o Centenario do seu falecemento. Concretamente trátase dun libro onde se recollen a maioría dos traballos realizados sobre a figura do poeta desde os seus inicios no mundo da poesía; colaboracións de destacadas personalidades da cultura de Galicia e Uruguai, participando tamén as principais institucións vinculadas ao mundo cultural de ambos os países, así como documentos inéditos que no ano 2008, foron regalados por Paco Trelles, neto do poeta a Pablo Rodriguez “Vivin”.
O Certame conta coa colaboración dos diversos centros de ensino, así como da bibliotecas municipais. Xa que con esta iniciativa, pretendemos impulsar a afluencia da mocidade ás bibliotecas.
Tamén participan colaborando diversas librerías da xeografía española, divulgando a existencia do Certame.
O motivo de darlle un carácter internacional, é rememorar un Certame similar que se convocou en Ribadeo no ano 1954, baixo a denominación “Certame Literario Hispano – Uruguaio – El Viejo Pancho”, para iso contamos co apoio de diferentes institucións, colectivos e medios informativos, alén do Atlántico.
Con todos aqueles traballos seleccionados para a fase final, editarase un libro.
Crearase unha páxina web e en redes sociais, iranse incorporando os traballos recibidos, ata o día 30 de setembro, sendo o fallo do xurado o día 12 de outubro, como ocorreu no ano 1954. Preténdese que o Certame teña continuidade nos seguintes anos.
Dar a coñecer a figura de “El Viejo Pancho” aos mozos de hoxe en día, tanto nestas terras, como nas que acolleron a miles de emigrantes, e que quede ese recordo para xeracións vindeiras é o obxectivo final deste certame.
Ademais da edición do libro, como a convocatoria do Certame, existen outras iniciativas que pode acábense materializando, xa que este ano, “os ribadenses debemos poñer en valor a figura de Alonso e Trelles”.