O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey agradeceu “a implicación do Goberno de España coas peticións e solicitudes que lles facemos dende o Concello de Burela”
A actuación comezou nos pasados días, e servirá para sustituír a anterior rampla de entrada, que non cumpría a normativa de accesibilidade. Esta obra dará continuidade a outra realizada o ano pasado na mesma praia, na que se fixo tamén un novo acceso.
O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, indica que estes traballos, “ademais de darlle á praia un atractivo especial, posto que o acceso estará feito de madeira e quedará moi bonito, permitirán que as persoas con discapacidade fagan uso da praia sen problemas”.
“As obras servirán para engadirlle aínda máis valor á praia urbana, que é tanto un importante recurso turístico como un servizo para os veciños”, explica Fernández Rey.
“Dende o Concello de Burela agradecemos a implicación de Costas atendendo as demandas que lles facemos chegar”, sinala o concelleiro. “Estamos en perfecta colaboración e iso nótase, vai dando froitos o contacto constante que temos con eles”, engade.
Do mesmo xeito, Fernández Rey agradeceu tamén “a implicación do Goberno de España coas peticións e solicitudes que lles facemos dende o Concello de Burela”.
“Temos varias solicitudes de obras feitas máis”, subliña o edil. “Unha delas, que agardamos que sexa realizada antes da tempada de verán, é a do arranxo do espigón da Marosa, que está un pouquiño deteriorado por mor dos temporais”, explica.
“Estamos traballando en máis proxectos, agardamos poder anunciar axiña máis colaboracións desde tipo”, afirma Fernández Rey. “É o que temos que facer como concelleiros, mellorar a vida da veciñanza e dos e das visitantes de Burela”, conclúe.