Míriam Bermúdez sinala que se aproveitará a situación para “facer os camiños máis anchos, cun aporte de areón para que queden ben debuxados e a herba non lles vaia comendo terreo”
Viveiro, 17 de abril de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro deu comezo á reparación e reconstrución dos camiños do parque Pernas Peón, que presentaban desperfectos provocados polos temporais do inverno.
Logo da mellora da situación meteorolóxica, os traballos están a ser executados pola empresa viveirense Rolle Forestal.
Míriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa de Viveiro, sinala que se aproveitará a situación para “facer os camiños máis anchos, cun aporte de areón para que queden ben debuxados e a herba non lles vaia comendo terreo, e cunha pendente para que a auga non apoce”.
A tamén responsable das áreas de Medio Ambiente e Obras lembra que “o parque vai ser obxecto dunha renovación moito máis ampla, para a que xa recollimos as aportacións da veciñanza mediante unha enquisa”.
“Para realizar este proxecto xa se conseguiu unha subvención de 105.897,25€, polo que agora estamos preparando o prego para poder sacalo a licitación”, indica Bermúdez.
A concelleira de Medio Ambiente e Obras explica que como parte desta futura renovación vaise “quitar barreiras arquitectónicas, mellorar a accesibilidade, naturalizar a zona e permeabilizar a fronteira norte do Parque para crear así un acceso máis fácil desde e cara á praia de Covas”.