A alcadesa de Cervo e o rexedor xovense compartiron esta maña, logo das últimas novas que poñen en dúbida a continuidade da fábrica “a preocupación polo futuro desta empresa que é vital para a nosa bisbarra, da que depende milleiros de postos de traballo directos e indirectos”
Os responsables de ambos concellos entenden que “A Mariña non se merece vivir nesta incertidume constante” e agardan, neste senso, que a mesa de seguimento de Alcoa que se celebrará mañá en Madrid, “traia por fin certezas á nosa bisbarra, e aos milleiros de traballadores directos e indirectos que dependen da fabricación do aluminio primario”. España –apuntaron- “non pode permitirse o peche da última fábrica de aluminio primario do Estado, un metal de futuro, estratéxico e que contribúe ao desenvolvemento sostible”.
Neste senso, Caramés e Salgueiro solicítanlle ao Goberno de España “unha posición clara e contundente e que anuncie a súa dispoñibilidade para unha intervención inmediata –se fose o caso- para que poida continuar a súa fabricación con garantías”.
Do mesmo xeito tamén piden “responsabilidade á empresa”, e que cumpra cos acordos subscritos no seu momento “garantindo a continuidade de todos os postos de traballo tanto en Alcoa como nas empresas auxiliares”.
Os dirixentes dos dous concellos veciños nos que está instalada a empresa, concluíron así mesmo durante a reunión desta mañá “solicitar ao Ministerio de Transición Ecolóxica que convoque de xeito inmediato – tal e como reclamaron de xeito reiterado os representantes dos traballadores- a mesa técnica para informar da evolución da tramitación dos proxectos de enerxías renovables que contribuirán a brindar un prezo da enerxía que poida facer viable a produción do aluminio”.