No pleno ordinario que se celebrará hoxe en Foz o equipo de goberno leva, entre outros asuntos, un recoñecemento extraxudicial de crédito de 287.000 euros con 217 facturas, gran parte delas con reparos de intervención
Así, o equipo de goberno leva a esta sesión plenaria, entre outros asuntos, un recoñecemento extraxudicial de crédito de 287.000 euros con 217 facturas, gran parte delas con reparos de Intervención. Este recoñecemento sumase aos xa feitos durante todo este ano e estase arredor dos 650.000 euros que van a ir a cargo do orzamento do 2024 e desde o PP de Foz anticipan que van a desestabilizar o orzamento deste ano.
“Non vale de nada aprobar uns orzamentos se os descadras xa no primeiro trimestre”, valora Jorge Castiñeira.
Outras modificacións
O PSOE e os seus socios do BNG tamén levan a pleno a modificación da licitación do contrato da auga, o cambio da ordenanza das taxas de ocupación das terrazas e a modificación da licitación do contrato do Bar Naútico.
En canto á licitación do contrato da auga, proceso que leva máis de 5 anos para que se resolva, tal e como lle dixo o Partido Popular ao equipo de goberno, o estudo de viabilidade non estaba correctamente feito. No caso da ordenanza das taxas de ocupación das terrazas, o PP no seu día anticipou que era moi lesiva para a hostalería e agora o equipo de goberno lle ten que facer caso ás alegacións presentadas polos hostaleiros. E, por último, respecto a licitación do contrato do Bar Naútico quedou deserto xa que as condicións que se propoñían non eran atractivas como, tamén, xa lle había dito o Partido Popular ao señor Cajoto e aos seus socios.
“Son procesos que se están alongando no tempo pola pouca capacidade de escoitar do equipo de goberno, especialmente do señor Cajoto, e están nas actas dos plenos que o PP de Foz lle vén anunciando os resultados destas malas xestións”, finaliza o popular Javier Jorge Castiñeira.