Por primeira vez na historia política deste País o principal partido da oposición enceta a lexislatura prometendo non só o exercicio do seu labor opositor, senón un xeito de facer o mesmo dende a proposta alternativa e rigorosa que, ademais se desenvolverá dende un comité parlamentario de doce deputados e deputadas, de análogas áreas de coñecemento ca as propias das consellarías determinadas pola estrutura orgánica da Xunta que Rueda decidiu o domingo 14-A.
Non houbo precedentes dun goberno alternativo ou shadow cabinet (como se coñece na praxe parlamentaria britânica) na nosa historia política. E noutros países da Europa tampouco hai precedentes tan definidos, sen dúbida pola pouca frecuencia de esquemas parlamentarios bipartidistas . Os exemplos na Catalunya de Pasqual Maragall a fins do século XX ou de Illa nesta lexislatura non son comparábeis.
A decisión do BNG deste Goberno alternativo, tanto no eido da formación dese comité ou gabinete formado por representantes parlamentarios canto polo compromiso de combinar sempre a oposición coa proposta alternativa rigorosa e concreta non se entende sen nos dexergar a substancial modificación da composición do noso Parlamento sofrida logo das eleccións do 19-F. Porque o BNG, que era- e é- o segundo partido, tiña antes menos da metade de votos ca o PP (o primeiro) e só un 22% máis ca o PSdeG(o terceiro) e agora ten case 2/3 dos votos do primeiro e un 225% dos votos do terceiro. Dun esquema tripartidista pasamos a un bipartidismo imperfecto.
Velaí que o mandato da cidadanía ao BNG lle obrigue a facer oposición dende parámetros de alternativa de goberno, o que esixe moito rigor e coñecemento sectorial e patriotismo por riba do partidismo, ademáis dunha análise continuada dos problemas do País e da evolución das súas maiorías sociais e axentes políticos, económicos, sociais e culturais. Velaí tamén a necesidade de pescudar a posibilidade de pactos de País co PP, dos que Pontón sinalou os de sanidade, vivenda, enerxía e rexeneración democrática.
Algúns interpretaron as primeiras decisións de Rueda- simbólicas e de nomeamento da equipa de goberno- como un aceno de rachar coa titoría de Feijóo, malia que os seus discursos na campaña vasca e a subordinación da política fiscal e educativa da Xunta ás esixencias definidas para todos os territorios gobernados polo PP pola súa dirección estatal semellan que unha tal evolución non é críbel. De todos os xeitos o tempo político haberá clarexar axiña as dúbidas neste senso.