Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Non era isto”, por Xoán Antón Pérez Lema

O proceso de decisión en diferido aberto por Sánchez Pérez-Castejón o pasado mércores era arriscado en termos de creto internacional e mesmo de desgaste político. Malia todo, era moi difícil non empatizar co político madrileño diante da enxurrada de ataques persoais sofridos pola súa dona, agravados coa admisión a trámite polo xuiz de instrución nº 41 de Madrid dunha querela redixida por unha organización extremista (Manos Limpias) que se estreou hai 20 anos contra o presidente do parlamento vasco Juan Mari Atutxa e contra a plataforma Nunca Máis, Unha querela só baseada en novas de prensa e, xa que logo, inhábil segundo reiiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo para abrir unha investigación criminal.

Certo é que tanto Sánchez como o PSOE asistiran con certa pasividade e mesmo, ás veces, aberta complicidade á desaquelada persecución xudicial dos líderes soberanistas cataláns dende 2014, á deshumanización sofrida polo president Puigdemont e por Pablo Iglesias, a lawfare sofrida por Mónica Oltra (Compromís) e polo propio Atutxa (PNV) e ás mentiras sobre da existencia de contas en Suiza deitadas sobre o entón alcalde de Barcelona Trías e presidente da Generalitat, Artur Màs. Á deshumanización dende a difamación persoal sofridoa tamén por Anxo Quintana (BNG) no 2009 e que, canda o caso Atutxa, sinalou o comezo tanto da técnica complexa (require acusacións populares e do desaquelado funcionamento dalgúns órganos xudiciais) do lawfare como da “barra libre” da difamación. Mais cumpría sermos quen de transcender esa historia-mesmo de trascender do apoio de Sánchez e o PSOE ao 155 no 2017- e afrontarmos a crise con grandeza democrática. Porque o que tocaba era defendermos a democracia fronte aqueles que, nomeadamente, negan o dereito de partillar na gobernanza a aquelas forzas soberanistas que representan millóns de votos de cataláns, vascos, navarros e galegos. Que negan o dereito do PSOE a implementar, co acordo cos seus socios soberanistas e da esquerda española, medidas a prol das liberdades e das maiorias sociais, desenvolvendo esa vocación republicana e federal que di ter no canto de facer de equilíbrio do duplo pivote do bipartidismo dinástico..

Neste contexto a demisión sería moi comprensíbel no persoal, malia que no político o máis positivo era unha decisión de continuidade que tentase nuclear un pacto de rexeneración democrática verdadeiramente transformadora. Esta decisión esixía sen dúbida dun debate parlamentario plural, probábelmente a xeito de cuestión de confianza, que puidese definir a axenda lexislativa dun pacto, agora si, de lexislatura entre as forzas que investiron Sánchez e suman 178 deputados, máis da maioría absoluta do Congreso.

Mais Sánchez, que só se referiu ao seu partido na comparecencia deste luns, decidiu a súa continuidade erixíndose a xeito de único referente e líder do traballo de rexeneración democrática que seica di querer desenvolver dende hoxe, esquecendo aos millóns que souberon transcender da súa prevención ao PSOE e ao propio Sánchez para se unir solidariamente á necesidade de rexeneración. Proxectando na sociedade española que só él é o “Deus ex machina”, canda ese seu “benquerido partido”, esquecendo que a maioria que pode desenvolver esta rexeneración democrática é plural e plurinacional.

Botouse de menos, tamén, que medidas concretas (derrogación da “lei mordaza”, da prisión pemanente revisábel, dos delictos de inxurias á Coroa, atribución a un Ministerio Fiscal máis independente da instrución penal ficando os xuíces de instrución como xuices de garantías, modificación do sistema de elección do Consello do Poder Xudicial que posibilite a súa inmediata elección, supresión da chamada “Audiencia Nacional”, internalización autonómica do Poder Xudicial…) han alicerzar esa rexeneración e defensa da democracia.

Ogallá esta comparecencia siga coa definición desta política plural de pacto da maioria absoluta plural no Congreso para aprobar leis e leis orgânicas que constrúan esa política e afondamento na calidade democrática e nas liberdades e de axuste plurinacional do Estado. Mais se só atendemos ao que vimos de escoitar este luns o certo é que non agardábamos isto. Non era isto.

Exit mobile version