O luns 29-A Sánchez Pérez-Castejón pechou o seu proceso de autoescoita decidindo a súa continuidade na presidencia do Goberno do Estado, canda a súa ratificación de si propio como “deus ex machina” dun indeterminado proceso de rexeneración democrática que, pola contra, as forzas alleas ao PSOE que votaron hai poucos meses pola súa investidura apoiaron nese curto periodo, transcendendo a falla histórica de compromiso do político madrileño e máis do PSOE a respecto do necesario programa de rexeneración democrática.
Escrebíamos entón nestas páxinas, a respecto da resposta do inquilino da Moncloa que “non era isto” (*) e abríamos unha parêntese para que Pedro Sánchez definise esa axenda ou programa, sen que até de agora coñecésemos a mesma, alén de lugares comúns. Velaí como millóns acreditan que o único pulo que moveu Sánchez Pérez-Castejón ao longo daqueles cinco días extraordinarios foi a máis potente disrupción posíbel a respecto das eleccións nacionais catalãs e das europeas do 9-X. Certo é que a agresión da dereita extrema e da extrema dereita españolas producindo fake news non hai quen a ature.
Mais nestes días nos que Sánchez Pérez-Castejón e mailo PSOE haberían convocar ás forzas do pacto de lexislatura para aprobar unha axenda de rexeneración democrática non vimos tal. Pola contra vimos ao presidente da UGT-Catalunya e pechacancelas da candidatura do PSC pola circunscrición de Barcelona, Matías Carnero, repenicar a fake new referida a Puigemont de que fuxira a Bélxica no maleteiro dun coche. Ben axiña seica demitiu o PSOE da súa angueira de loitar contra os libelos e as difamacións.
Cómpre lembrar que: i) Puigdemont pasou a fronteira francesa o domingo 29-Ou 2017 sen que na altura estiver vixente medida ningunha restritiva da súa liberdade e ii) cando a semana seguinte o Tribunal Supremo remesou á xustiza de Bruxelas unha euroorde de detención el presentouse o doingo 6-N ao xuiz belga mesmo antes de que chegase a devandita euroorde e iii) dende entón Puigdemont nunca fuxiu de xustiza ningunha; botou unhas semanas preso preventivo no land alemán de Schleswig-Hollstein até que o seu Tribunal Superior acordou a súa liberdade pois que o delicto polo que era acusado non tiña espello no Código penal alemán. Velaí como se move con toda liberdade por todo o territorio europeo, eurodeputado polos votos da cidadanía catalá. Agás polo territorio español. Mais nunca escoitamos ao PSOE cuestionar esta caste de decisions xudiciais até que cuestionaron aos seus.
Pedro Sánchez habería convocar ás forzas políticas que apoiaron a súa investidura, máis cedo ca tarde, a ese grande debate sobre a axenda de rexeneración democrática pola que semellan queren teimar as maiorías sociais do Estado. Xa que logo, cómpre que, de vez, defina se aposta pola vocacion liberal-republicana e plurinacional que semella ir gañando aos poucos ás bases socialistas ou, pola contra, siga sen rachar co 155 e cos felipismos, guerrismos, vazquismos e pagesismos.