Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela foi seleccionada para participar no ‘Grand Prix del Verano’

Este sábado o equipo do programa visitará a praza do Concello para a realización dun vídeo, a cuxa gravación ás 13:30 está convidada toda a veciñanza

Burela, 19 de abril de 2024. O Concello de Burela celebra que o programa ‘El Grand Prix del Verano’ seleccionase o municipio para participar na súa edición de 2024.

Burela convírtese deste xeito nunha das 14 localidades de toda España elixidas para participar no mítico concurso de Televisión Española. Competirán en 7 eliminatorias, dúas seminifinais e unha gran final.

Despois dunha exitosa edición o pasado ano liderando a súa franxa, o ‘Grand Prix’ volve este verán. Burela será a encargada de representar a Galicia neste concurso.

Con este motivo, mañá, sábado 20 de abril, o equipo do programa visitará a praza do Concello para a realización dun vídeo, a cuxa gravación ás 13:30 está convidada toda a veciñanza.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca “a alegría que supón que o noso municipio estea presente nun dos acontecementos televisivos máis destacados do ano, sendo esta unha ocasión marabillosa para dar a coñecer a vila ante centos de miles de televidentes”.

“Animamos a toda a veciñanza a acudir mañá á praza do Concello para participar na gravación do vídeo xunto ao equipo do programa”, engade a rexedora.

As persoas que queiran saír no vídeo terán que asinar un documento de cesión de dereitos de imaxe, para o cal habilitarase un punto na praza do Concello a partir da 13:00 de mañá.

Exit mobile version