A cita, que contará con preto de 600 participantes, terá lugar este domingo, día 21 de abril
Burela, 18 de abril de 2024. O Concello de Burela acollerá, no pavillón Vista Alegre, a Primeira Fase da Liga Provincial de Lugo de Ximnasia Rítmica nos niveis Escolar, Promoción e Pre-base.
Trátase dunha das citas máis importantes da ximnasia na provincia de Lugo, e contará con preto de 600 ximnastas participantes. Terá lugar este domingo, día 21 de abril.
O equipo local, a Escola Porta Norte, que conta cunhas 70 ximnastas en Burela, contará con participantes en todos os niveis da competición.
“Dende o Concello de Burela sempre apostamos polos eventos deportivos de nivel, como é o caso desta competición”, sinala a alcaldesa Carmela López. A rexedora quixo “dar todo o noso ánimo ás ximnastas da Escola Porta Norte, que de seguro lograrán excelentes resultados nesta cita”.
Pola mañá do domingo disputaranse as competicións do nivel Promoción nas modalidades de Conxuntos e Individuais e do nivel Escolar nas categorías Iniciación, Cadete e Senior. Pola tarde competirán o resto das categorías do nivel Escolar, a pre-benxamín, a benxamín e a alevín, e o nivel Pre-base.
As ximnastas participantes buscarán acadar as mellores puntuacións posibles para lograr pasar ao Campionato Galego na Segunda Fase da Liga Provincial, que terá lugar en Monforte de Lemos o día 11 de maio.