O día 23 de abril celébrase o Día do Libro en Barreiros con propostas para todos os públicos
Barreiros, 22 de abril de 2024. A concellería de dinamización do Concello de Barreiros organiza unha serie de actividades con motivo da celebración do Día internacional do Libro.
Este martes, día 23 de abril, o alumando do CEIP de San Cosme visitará a Biblioteca Pública Municipal de Barreiros para coñecer de primeira man como funciona unha biblioteca e participar na creación dun mural.
Con motivo do Día internacional do Libro, este mesmo martes 23 de abril, o Concello de Barreiros instalará na Praza do Souto; en San Miguel de Reinante, unha caseta coa que se creará a primeira biblioteca libre de Barreiros que conterá máis de 50 libros en libre circulación. Ao longo da mañá, o alumnado do CEIP San Miguel de Reinante, visitará a Praza do Souto e coñecerá esta forma de intercambio de libros coñecida popularmente como “bookcrossing”.
O venres 26 de abril, ás 20.00 h. terá lugar na Biblioteca Pública Municipal a presentación do libro “Os do mar” de Paco Paz. Un thriller cheo de realismo máxico, ambientado na Mariña Lucense co que debuta na novela este guionista, xornalista, documentalista e director de curtametraxes.
Para pechar este programa de actividades, o domingo 28 ás 18:30 horas na Biblioteca Pública Municipal de Barreiros terá lugar un obradoiro artístico na que as nenas e nenos coñecerán novas formas de comunicación a través das imaxes. Nas dúas horas que dura o obradoiro, a través de exemplos, ideas propias e materiais básicos, a cativada creará o seu propio libro obxecto que poderá levar para a casa. Para asistir ao obradoiro non é preciso inscrición previa.