“Grazas á aplicación do trampeo, agardamos ao redor de 200 niños, mentres que en anos anteriores, sen trampeo, tiñamos que retirar entre 800 e máis de 1000”, sinala Ramón Martínez, concelleiro de Medio Rural
Viveiro, 30 de abril de 2024. A Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Medio Rural de Viveiro informan de que 1113 posibles raíñas de vespa velutina foron capturadas grazas ás 500 trampas instaladas dende o pasado día 12 de marzo.
Estes 1113 exemplares foron capturados en dúas reposicións das trampas, ubicadas en 450 ubicacións distintas, e a finais desta semana estará rematada unha terceira reposición.
“A comparativa cos datos de anos anteriores permite esperar que o número de niños nesta tempada será baixo”, explica o concelleiro de Medio Rural, Ramón Martínez.
“Grazas á aplicación do trampeo, agardamos ao redor de 200 niños, mentres que en anos anteriores, sen trampeo, tiñamos que retirar entre 800 e máis de 1000”, sinala Martínez.
O concelleiro afirma que dende o Concello de Viveiro seguirán “actuando nesta liña para reducir ao máximo os prexuízos causados pola vespa velutina no noso municipio”.