Site icon Crónica3.com A Mariña

Ameijide: “PSOE e BNG limitaron o aforo dos plenos provincias en contra dos informes técnico para esconderse dos lucenses”

Os deputados populares preguntarán no pleno do martes cal é o motivo de que dende hai dous meses o presidente da Deputación limitase á metade o aforo do salón de plenos pese a terse celebrado actos con centos de persoas nesa mesma instalación, como a súa toma de posesión

Lugo, 26 de abril de 2024. O martes 27 de febreiro José Tomé, o PSOE e o BNG tomaron unha decisión “drástica e sorprendente” ao limitar o aforo do salón de plenos do Pazo de San Marcos a 26 persoas, ademais de eliminar as cadeiras situadas ás costas de cada grupo político.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, ve nesta decisión do presidente provincial “o medo aos veciños da provincia” tras varios plenos nos que lle recriminaron as súas políticas “ditatoriais e autoritarias” que discriminan á maior parte dos lucenses, como no caso dos veciños de Becerreá coa negativa a abrir a residencia comarcal deste municipio.

Tras este pleno, os deputados populares solicitaron por escrito copia do Plan de seguridade do Pazo Provincial de San Marcos ou, no seu defecto, calquera outra documentación que indicara o aforo máximo autorizado para as súas dependencias e salóns.

“Pasou máis dun mes e non tivemos ningún tipo de resposta” denunciou, ao que engade que “pode que sexa porque non existe este documento e a decisión de José Tomé é un atropelo aos dereitos de todos os cidadáns”.

Ante esta situación, o Grupo Provincial Popular presentará unha pregunta no pleno da Deputación para coñecer cal é o motivo polo que se limitou a 26 persoas a capacidade máxima do salón de plenos o pasado 27 de febreiro.

A normativa establece que non é necesario que o Pazo de San Marcos dispoña dun Plan de Autoprotección, pero dende a Unidade de Proxectos da Deputación de Lugo fixeron unha estimación dunha ocupación máxima previsible de 110 persoas (69 na planta baixa e 41 na superior). “Esta análise deixa claro que a decisión de limitar o aforo a 26 persoas nos palcos do salón de plenos non se axusta, polo tanto, ao criterio e informes oficiais dos propios servizos técnicos da Deputación de Lugo”, sinalou.

Neste sentido, Ameijide considera “cando menos curioso” que esta limitación aparecera nos últimos plenos “coincidindo cunha corrente popular en contra das decisións de Tomé e o goberno provincial”.

“Como se xustifica a presenza de centos de persoas no pleno de toma de posesión do presidente Tomé se o aforo máximo son 26 persoas”, pregunta. “Entón, a toma de posesión de Tomé foi unha temeridade poñendo en risco a varios centos de persoas ou como ían a adular ao presidente non pasaba nada?”, inquiriu.

“Todo isto non fai máis que reflectir o uso sectario e partidista que fai Tomé e o goberno de PSOE e BNG da Deputación de Lugo”, subliña ao tempo que define esta situación como “histórica nesta institución e protagonizada por un presidente socialista”.

Exit mobile version