A Consellería do Mar participará este ano nunha nova edición de Expomar en Mindelo cun stand e empresas coexpositoras na que será a décima presencia nesta feira
No acto de benvida o representante da Xunta agradeceu a visita do mandatario caboverdiano e puxo en valor as relacións en materia pesqueira entre o país africano e Galicia, dada a posición estratéxica deste arquipélago no Atlántico central, preto dos caladoiros de Senegal e Mauritania e a medio camiño entre España e as illas Malvinas, Arxentina e Namibia. Nas súas augas, en virtude do acordo pesqueiro coa UE, faenan barcos de armadores e capital galegos, especialmente palangreiros de superficie.
Tamén destacou o titular de Mar a presenza de empresas galegas como A Poutada en Mindelo ou a planta frigorífica de Atunlo en Porto Grande, así como a celebración da feira Expomar na capital caboverdiana, especialmente relevante para estreitar os vínculos comerciais. Este ano celebra a súa undécima edición no mes de novembro e volverá a contar coa xa tradicional presenza do stand da Consellería do Mar que acollerá a distintas empresas galegas coexpositoras, cumprindo así a súa décima participación nesta cita.
Alfonso Villares enxalzou tamén o relevante papel que xoga a colonia de caboverdianos asentada na Mariña, pois tras un vínculo que suma xa catro décadas son parte fundamental tanto do tecido social como do económico. Resultan esenciais para o sector pesqueiro nas tripulacións dos buques con porto base en Burela, especialmente nos dedicados ao palangre de superficie, e xa non so como mariñeiros, tamén grazas á formación como membros dos cadros de mando dos buques.