Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares agradece ao sector o apoio á lei do litoral galega e aposta pola cogobernanza para abordar o deseño de novas medidas nesta lexislatura

O conselleiro do mar mantivo un encontro cos máximos representantes dos pósitos

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, mantivo un novo encontro cos presidentes das federacións das confrarías, na súa condición de organizacións máis representativas do sector. Na reunión o titular de mar trasladou o agradecemento do Goberno galego polo seu apoio pechado á lei do Litoral de Galicia, recentemente avalada polo Tribunal Constitucional, e trasladou a súa aposta por seguir afondando na cogobernanza do sector para abordar o deseño de novas actuacións nesta nova lexislatura.

Esta xuntanza celébrase trala recente toma de posesión do responsable autonómico que sinalou que a resolución do Alto Tribunal abre un novo escenario para o desenvolvemento de políticas pesqueiras na comunidade. Nesta liña, destacou que a norma autonómica permitira afondar no desenvolvemento das competencias propias e proporciona a necesaria seguridade xurídica ao conxunto da cadea mar-industria para o desenvolvemento da súa actividade, un elemento tamén esencial para xerar un clima propicio para que as empresas podan desenvolver novos investimentos.

O titular de Mar analizou cos máximos representantes dos pósitos a situación actual e os principais desafíos aos que se enfronta o sector pesqueiro e puxo en valor o diálogo fluído e directo entre o Goberno galego e o conxunto da cadea mar-industria. Subliñou que esa continuará sendo a liña de traballo nesta nova etapa, poñendo a administración ao servizo dos profesionais, xa que son eles os que coñecen mellor e de primeira man as cales son as necesidades da pesca galega.

Axudas estatais

Alfonso Villares volveu a reclamar a implicación do Goberno central ante a complexa situación do sector marisqueiro afectado pola alta mortaldade de bivalvos causada polas extraordinarias e intensas precipitacións do outono. Así lamentou a inacción e pasividade do Executivo estatal que segue sen aclarar o estado no que se atopa a tramitación da declaración de zona catastrófica para os bancos marisqueiros fronte á resposta da Xunta, que se puxo a disposición dos profesionais afectados, sendo a única administración que mobilizou recursos para axudar á recuperación da actividade.

Exit mobile version